Thursday 21 February 2019

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.




Comentarios de didáctica para Gonzalo

Deixo por aquí os tres comentarios nas entradas sobre o temario de Gonzalo polos meus compañeiros.




Competencias clave e actividades de gramática e vocabulario


Nesta segunda entrada dedicada ás clases que tivemos coa profesora Úrsula trataremos os temas das competencias clave e do desenvolvemento de actividades de gramática e vocabulario na aula.

O tema das competencias clave non foi novo para nos, xa que o vimos o longo de todo o master en diferentes asignaturas. Malia todo trátanse dunha serie de conceptos moi importantes para o correcto desenvolvemento do ensino – aprendizaxe. As competencias clave xa viñan recollidas na LOE sendo oito competencias. A LOMCE fará posteriormente desas oito, sete, e as define coma capacidades para aplicar de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa co fin de acadar a realización adecuada de actividades e a resolución de problemas complexos. Esas sete competencias clave serán: a Competencia en Comunicación Lingüística (CCL) que trata o relativo á expresión oral e escrita, a comprensión de textos, a expresión de ideas, a interacción con outros e, en xeral, a comunicación; a Competencia Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxías (CMCCT) que tratan todo o relativo á resolución de problemas, uso dos números, o emprego de estruturas lóxicas, o espazo e a forma ou  os problemas medioambientais entre outras temáticas; a Competencia Dixital (CD) que abrangue todo o relativo ó uso da tecnoloxía, o contacto dixital, o uso de material audiovisual e a participación nos blogs, wikis ou redes sociais; a Competencia de Aprender a Aprender (CAA) que trata as técnicas de estudio, a autoavaliación, o traballo cooperativo e a autonomía dos individuos para adquirir coñecementos novos; as Competencias Sociais e Cívicas (CSC) que se centran no respeto dos dereitos dos humanos e animais, o respeto pola diversidade, a globalización ou a tolerancia cara outras culturas e relixións; o Sentido da Iniciativa e o Espírito Emprendedor (CSIEE) que promove a planificación, o esforzo, as cualidades de liderazgo e a responsabilidade; e a Competencia de Conciencia e Expresións Culturais (CCEC) que trata as diferentes culturas, as  tradicións, a lectura e a sensibilidade pola arte en tódolos seus formatos. Grazas a estas competencias podemos trazar, coma profesores, un camiño mais doado e eficaz para conseguir éxito na etapa educativa dos alumnos e poidan converterse en adultos competentes en moitos ámbitos da vida. As competencias que se deben de traballar en cada curso da secundaria veñen indicadas pola Xunta de Galicia, no caso desta comunidade. A grandes rasgos puidemos observar na aula que, no tocante ás linguas estranxeiras, esíxese un traballo sobre a Competencia en Comunicación Lingüística, a Competencia Dixital, a Competencia de Aprender a Aprender, a Competencia de Conciencia e Expresións Culturais e as Competencias Sociais e Cívicas. Pola contra non se observa a obrigatoriedade de traballar coa Competencia Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxía ou o Sentido da Iniciativa e o Espírito Emprendedor.



En relación coas competencias clave levamos a cabo na aula unha actividade por grupos no que se nos asignou unha competencia clave a cada grupo e tivemos que pensar qué poderíamos levar a cabo para traballar as competencias nunha clase de lingua estranxeira. No meu caso fixen a actividade con Sara Otero e Miguel Aira e tocounos a Competencia Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxía. Aínda que inicialmente pensamos que sería difícil de encadrar unha competencia coma esa coa lingua estranxeira, pronto encontramos unha forma moi interesante. O que plantexamos foi o tratamento das partes do corpo e as medidas coa creación de frases descritivas tipo my arm is 70 centimeters long; o uso das cantidades, as comidas e os aportes nutricionais para falar do que comemos, tamén por frases ou redacción tipo today I ate 300g of meat, which gives me protein; e tamén algún tipo de lectura en lingua estranxeira sobre temas relacionados co espazo ou a chegada do home á Lúa. Tralo proceso puxemos en común as nosas ideas coa clase. Puidemos observar que é posible tratar tódalas competencias no ámbito das linguas estranxeiras, aínda que sempre pode haber dificultades.

No tocante ó ensino de gramática e vocabulario vou falar das actividades que levamos en grupo, tamén con Sara Otero e Miguel Aira. Ámbalas dúas foron deseñadas para 1º da ESO. A primeira foi en torno ó vocabulario do corpo. Para o desenvolvemento da mesma fixemos catro actividades distintas: a primeira, de motivación, presentando unha canción que fala do corpo; logo unha actividade guiada co uso de flashcards situadas, segundo o que digan os alumnos, nas partes do corpo, e coa corrección do profesor; logo viría una actividade semiguiada na que as flashcardas irán dentro dun recipiente do que despois, por parellas, terán que sacar unha tarxeta e sinalar a parte do corpo do compañeiro ó que fai referencia; por último teríamos a actividade libre no que terían que facer unha redación curta, de cinco liñas, describindo os seus corpos usando o vocabulario.

En canto á actividade de gramática a deseñamos pensando no presente e o pasado continuo. Do mesmo xeito deseñamos catro actividades: a primeira de motivación, cun vídeo onde se poidan ver os aspectos gramaticais a tratar; logo viría a actividade guiada con outros vídeos de xente que leva a cabo actividades e se describe o que está ou estaba a facer; despois teriamos unha actividade semiguiada no que poríamos dous recipientes, un con verbos para usar en presente continuo e no outro verbos para usar en pasado continuo e con eles facer una frase que combine os dous facendo uso de yesterday e today; por último, na actividade libre, farían un pequeno diario do día sobre o que están ou estaban a facer.

En xeral o tema das competencias clave sempre me parece interesante, xa que me parecen unha axuda e unha guía tanto para o profesorado coma para o alumnado. No canto das actividades relacionadas coa gramática e o vocabulario puidemos observar que non é tan difícil levar a cabo cada tipo de actividade aínda que somos conscientes de que non sempre será posible levalas a cabo de xeito correcto na aula.

O papel do titor e a titoría, lifeskills, medidas de atención á diversidade, metodoloxía CLIL e auxiliares de conversación


Aínda que tivemos tres sesións coa profesora Úrsula os seus contidos foron posiblemente os mais grandes. Por iso vanse dividir tanto os contidos e as actividades en dúas entradas. Nesta, a primeira delas, imos a falar dos contidos sobre a titoría e o papel do titor, as lifeskills, as medidas de atención á diversidade, a metodoloxía CLIL e os auxiliares de conversación.

O principal tema do que falamos nas aulas foi o tema da titoría e das funcións do titor dentro do ámbito dun centro de educación secundaria. Se ben pode estar visto coma un cargo ou función mais ben de trámite a verdade é que ser titor dun curso é estar nun posto de responsabilidade para unha boa execución do ensino – aprendizaxe dos alumnos e unha peza clave na resolución de dificultades e conflitos que poidan ter. Entre tódalas funcións do titor encontramos as mais importantes como son:  o mantemento das faltas ó día, que hoxe se leva a cabo mediante a plataforma XADE da Xunta de Galicia; manter un contacto relativamente constante e favorable non só cos alumnos ó seu cargo senón tamén cos pais correspondentes xa que unha boa comunicación tende pontes entre o centro e os fogares;  coordinar as avaliacións dos alumnos o seu cargo, sempre en contacto cos profesores das demais asignaturas que imparten clase ós alumnos que titoriza; etc. Nas horas designadas como de titoría, ademais, é importante abordar distintos temas e ámbitos educativos e tamén estar ó tanto dos problemas que poidan ter os alumnos con calquera asignatura, profesor ou compañeiro. É importante para o titor fomentar unha mellor percepción dun mesmo, xa que os rapaces que se encontran nestas idades e no ámbito do instituto tenden a ter unha baixa autoestima e unha mala imaxe de si mesmos; tendo unha mellor imaxe dun mesmo e unha autoestima mais elevada o proceso de aprendizaxe farase mais doado. Outra cousa importante a ter en conta para tratar nas aulas de titoría é todo o que teña que ver co ámbito académico, xa sexan as recuperacións pendentes, as técnicas de estudo para acadar un estudo mais efectivo e uns mellores resultados, os horarios das aulas ou as saídas profesionais, se xa falamos de 4º da ESO ou de 2º de Bacharelato. Queda claro que ser titor esixe unha responsabilidade para con os alumnos e os seus procesos educativos.

Respecto da titoría levamos a cabo unha actividade na aula en grupo para tratar de crear unha actividade de titoría que fomente a lingua estranxeira. No meu caso desenvolvín esta tarefa xunto con Sara Otero e Miguel Aira. A idea baseábase nunha actividade polo día do libro e en bacharelato no que trataríamos de fomentar a lectura e a literatura de escritores ingleses, casteláns e galegos. Por medio de Shakespeare, Lope de Vega e Rosalía de Castro e dunha das súas obras tratariamos temas actuais coma o amor e as relacións tóxicas, a unión organizada do pobo ou a inmigración e así tratar de aumentar o interese tanto pola literatura coma pola lingua estranxeira de Shakespeare.

No que respecta ás lifeskills, que xa tivéramos mención ó longo das clases, entramos un pouco mais en detalle nestas clases nas que vimos cales eran e qué obxectivos tiñan tanto de forma individual coma no conxunto. Trátanse dunha serie de habilidades que se consideran necesarias para que un adolescente en proceso de converterse en adulto poida levar un estilo de vida saudable.

Resumo, non ordeado, das lifeskills que vimos na clase.


Outro aspecto moi interesante e importante das clases foi o tema das medidas de atención á diversidade. É practicamente imposible que non teñamos na aula algún alumno con algún tipo de dificultade para desenvolver á súa aprendizaxe dunha forma “normal”. Por iso existen unha serie de medidas á disposición dos centros e dos profesores para tratar de encher ese bacío entre eses alumnos e os demais da aula e acadar un resultado similar pese as dificultades. As medidas son moitas e poden dividirse en medidas de carácter ordinario – se non alteran o currículo practicamente – e extraordinarias – que implican unha alteración significativa. Para unha mellor comprensión de cales son de cada tipo levamos a cabo outra actividade cunhas tarxetas nas que estaban postas as medidas, segundo veñen redactadas no texto oficial, e tivemos que escoller en grupo cales pertencían a cada tipo. Outra das actividades relativas ás medidas de atención a diversidade foi unha folla con vinte e seis  siglas. Entre a aula e, en maior medida, a profesora fomos enchendo os nomes reais das siglas. Esta actividade resultou de moita axuda e utilidade, xa que todos vimos moitas destas antes pero nunca soubemos exactamente que querían dicir. Deste xeito temos unha folla de referencia para todas elas. Ademais penso que nos deu unha maior perspectiva respecto da diversidade de programas e trastornos que nos rodean.

Respecto da metodoloxía CLIL e dos auxiliares de conversación non vou a entrar en detalle do que vimos en clase, pero vou a falar dalgunha das actividades que levamos a cabo en relación a estes temas.  Unha das actividades que levamos a cabo foi a elaboración dunha actividade coa metodoloxía CLIL no que se tivesen en conta as “cinco Cs” que son: comunidade, contido, comunicación, cognición e competencias. A actividade desenvolveuse en grupo, xunto con Sara Otero e Miguel Aira, e decantámonos por unha clase para 4º da ESO de Bioloxía. O foco da clase sería o papel do Sol na vida tratando as súas funcións xerais, os procesos biolóxicos, a análise de feitos constatables e ademais desenvolver varias competencias clave. Tratando estes temas coa metodoloxía CLIL acadase un aprendizaxe transversal que fomenta o uso da lingua estranxeira á vez que se adquiren novos coñecementos.

O que podemos sacar de todo o visto nesta entrada é que o papel do titor é moito mais significativo do que poida parecer, que é imposible non ter un alumno con algunha necesidade de axuda para o seu correcto desenvolvemento na aula e que existen metodoloxías que poden ser moi beneficiarias para o uso da lingua estranxeira. Penso que a aula, en xeral, aprendeu moito, sobre todo asentando os coñecementos con testemuños da realidade directa do funcionamento dun instituto normal.

Friday 15 February 2019

Didáctica - Gonzalo Constenla


Na parte da asignatura de “didáctica da ensinanza das linguas estranxeiras” que lle correspondeu impartir ó profesor Gonzalo vimos os temas relativos ós contextos de adquisición e uso da lingua estranxeira, o repertorio lingüístico e o papel da lingua estranxeira en idades precoces. Aínda que as sesións tiveron parte teórica dabondo a meirande parte das aulas desenvolvéronse de forma mais ben práctica, o que resulta moito mais motivador e atractivo para o alumnado – polo menos para min persoalmente – e axuda moito a aliviar a carga que supón participar en clases teóricas. Deste xeito vou a estruturar esta entrada dun xeito similar: primeiro falarei da parte teórica que mais interesante me pareceu das sesións e logo falarei das partes prácticas dun modo mais extenso, xa que na miña opinión resultaron mais interesantes para o colectivo da aula.

No tocante á teoría vou falar sobre unha das variables na situacións de ensino: a idade. Escollo a idade por dúas razóns. A primeira razón é que as estruturas cognitivas, intereses, motivacións, etc. dos individuos vanse moldeando de xeitos moi diversos ó longo da vida e do mesmo modo que os individuos cambian tamén o fan as formas mediante as cales se pode levar a cabo un ensino – aprendizaxe mais efectivo. A segunda razón é que paréceme moi interesante este proceso de cambio dende o noso nacemento ata a nosa fin, aínda que nesta sección vamos a centrarnos mais nas etapas mais temperás da existencia humana. Segundo o que vimos na clase podemos diferenciar varias etapas en función da idade. A primeira idade e a chamada idade ideal que sería a dun recen nacido con menos dun ano de vida. Neste período temos unhas capacidades tremendas para o aprendizaxe cunha moi alta percepción que non se vai volver a repetir de novo na nosa vida. A segunda sería a idade gloriosa que comprende entre o primeiro ano de vida e os seis anos. Nesta idade temos unha alta capacidade de imitación, o que nos permite aprender linguas dun xeito bastante rápido. O problema é que tamén se esquece con bastante facilidade. Logo vería a idade crítica entre os sete e os nove anos. Este é o punto no que comezamos a tratar as cousas que nos rodean dun xeito mais analítico e, polo tanto, dispoñemos de estruturas e capacidades mais avanzadas para levar a cabo un aprendizaxe de lingua estranxeira. Despois teríamos o limiar fatídico ós dez e once anos. Nesta parte da evolución sufrimos un cambio significativo na estrutura do noso cerebro xa que comeza a perder maleabilidade e plasticidade polo que non é tan doado aprender e a lingua inicial asentase coma a base pola que ten que pasar a lingua estranxeira.Por último teríamos xa a idade adulta que comezará ós doce anos. A partir deste punto necesitamos regras, bloqueos cognitivos, precisase certa intención ou motivación, etc. É evidente que ó longo deses períodos – ou idades – os humanos presentamos unha serie moi ampla de cambios. Estes cambios non son necesariamente a peor nin a mellor, pero si que fan o proceso de ensino – aprendizaxe diferente que precisa – evidentemente – formas distintas de aproximación.  Esta parte da teoría resultoume especialmente interesante xa que persoalmente gústame ver o cambio e a evolución nas persoas co paso do tempo e aínda que neste contexto falemos do aprendizaxe das linguas estranxeiras este cambio aplicase a multitude de facetas da nosa vida. Este tema parece ser de bastante interese, xa que non son poucos os artigos nos periódicos que se poden atopar sobre el coma este.

Esquema organizativo das idades de aprendizaxe que vimos na clase.


No tocante ás actividades desenvolvidas na aula as que mais me interesaron foron os diagramas de Venn e a placemat activity. A primeira radica  na representación gráfica por medio de círculos que se superpoñen nalgunha parte da súa extensión. Dentro dun dos círculos atoparanse elementos relativos a unha cuestión e dentro do outro os correspondentes a outra. Pola contra na area que comparten estes dous círculos poranse aqueles elementos que constitúan parte de ámbalas dúas cuestións. A actividade que levamos a cabo tomaba como temas a tratar a lingua materna e a lingua estranxeira. Primeiro fixemos grupos por filas na aula, que no meu caso eramos cinco. Logo puxemos ideas en común respecto a qué forma parte de cada círculo e qué podería ser un elemento en común entre as dúas cuestións. Logo fomos expoñendo á toda a aula o que pensabamos que formaba parte de cada sección para formar un diagrama común. Esta actividade foi bastante interesante tanto pola parte de formar un grupo amplo e comparar e compartir opinións e coñecementos como polo formato en sí da actividade, que non foi moi habitual. O que penso que non foi moi produtivo é que se atopabamos unha característica exclusiva da lingua materna no cadro da lingua estranxeira correspondía poñer unha característica oposta a esa, de xeito que parecía que tiñamos que encher por obriga.

A outra actividade que atopei interesante foi a placemat activity. Esta levouse a cabo en grupos de catro polas características da actividade e dos materiais. No noso grupo tocaron dúas preguntas ás que tiñamos que dar resposta individual nun único folio tamaño A3 que estaba dividido en cinco espazos, catro ós lados e un no centro. Nese último espazo poríamos a resposta a esas preguntas que fora consensuada entre as catro respostas. As preguntas que nos tocaron foron: Citroen ten 13 fábricas en 7 países diferentes. En que linguas se comunican os responsábeis das fábricas entre si?; e nunha feria de tecnoloxía dixital reúnense comerciais de 6 compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e España. En que lingua falarán entre si? Tras darlle resposta individual no material que nos deu o profesor e chegar a un acordo para a resposta final do grupo o expuxemos co resto dos compañeiros da aula que tamén compartiron as súas cuestións e respostas. Pareceume unha maneira moi interesante, distinta e dinámica de levar a cabo un exercicio de opinión. Ademais ó ter un soporte en papel e cun deseño axuda a ter unha visión mellor dos conceptos e ideas dos demais.

Levamos a cabo mais actividades e vimos mais parte de teoría nas aulas pero dende logo o que mais interesante me pareceu foi que vos conto nesta entrada. O que mais interesante me pareceu foi a forma de levar a cabo exercicios de forma distinta á habitual como quedou plasmado con estas dúas actividades.

Monday 4 February 2019

Comentarios para Cristina

Deixo por aquí os tres comentarios nos blogs dos meus compañeiros relativos ó tema da profesora Cristina.




Friday 25 January 2019

Didáctica - Cristina Rodríguez


Coa profesora Cristina Rodríguez tivemos tres clases cun total de dez horas. As súas clases centráronse nas estratexias de comunicación, tanto oral coma escrita, e como é o tratamento na aula desas estratexias.  Ademais, e relacionado con isto, tamén tratamos procedementos para as catro habilidades ligadas á comunicación directa – saber falar, escoitar, ler e escribir – e tratamos o tema da mediación. É importante sinalar que no meu caso particular, e por motivos de traballo, só puiden asistir a unha soa clase, pero contei coa axuda dos meus compañeiros para recoller toda a información posible e realizar esta entrada do blog.


Comezarei falando do último do que falei, a mediación. A mediación está cada vez mais presente nas aulas e está sendo considerada coma unha quinta destreza. Aínda que está presente dentro do currículo da EOI e da educación secundaria é posible que en España esteamos menos avanzados na súa presenza na aula que no resto de Europa. Pero qué é a mediación? Grosso modo podemos dicir que a mediación é a actividade da linguaxe que consiste en reformular, xa sexa de forma oral ou escrita, un texto co obxectivo de facer posible a comprensión doutras persoas e dun mesmo. E qué metodoloxía é mais axeitada para desenvolver esta destreza? Pois unha metodoloxía activa e participativa, que leve á practica os coñecementos e habilidades dos alumnos para consolidar un aprendizaxe individual e en grupo. Considérase que nada está realmente aprendido ata que se pon en práctica de forma efectiva na sociedade, isto é parte da mediación. Este aspecto da posta en práctica dos coñecementos no ámbito social que nos rodea – noutras palabras na vida real da que formamos parte – é esencial para o desenvolvemento da mediación. De feito na elaboración do currículo, referido á mediación, tense en conta que eses contidos e coñecementos poidan ser aplicados en situacións da vida cotidiana e, aínda mais, que poidan ser de utilidade para estudantes de especialidades concretas, coma no caso dos estudantes de ciclos formativos que precisan unha linguaxe mais específica e centrada nun ámbito mais puntual da súa vida, sobre todo no aspecto laboral.


Dentro da mediación temos tres clasificacións distintas da mesma: a mediación lingüística ou textual, que se basea na reformulación, os códigos, pasar a mensaxe do escrito ao oral e viceversa, etc.; a mediación conceptual, que cobre os procesos polos que adquirimos coñecementos, as interaccións sociais ou o desenvolvemento pedagóxico; e a mediación social ou cultural, que se centra na resolución de conflitos. En canto da primeira, a mediación lingüística, estaríamos a falar, por exemplo, na transmisión do contido dun texto a outras persoas que non teñen o coñecemento suficiente desa lingua para o entender. Ademais, dentro da mediación lingüística temos tres puntos nos que se pode dividir: a mediación verbal, a mediación visual e a mediación cultural. A mediación verbal subdivídese en intra-lingüistica e inter-lingüistica, consistiría na transmisión dun texto inicial a outra persoa que non o entende ou non o comprende por completo. A mediación visual pode dividirse en visual ou multimodal e consistiría na transmisión de textos visuais ou multimodais a outro interlocutor ou interlocutores a través da explicación ou dun único modo. Por último, a mediación cultural pode dividirse en intracultural e intercultural, e consistiría na transmisión de información da realidade, costumes, hábitos, etc. dun a un falante da túa propia lingua – intracultural – ou dunha lingua distinta – intercultural. Dentro de cada unha destas categorías da mediación existen unha serie de estratexias que se poden levar a cabo para unha mediación eficaz das que non vou a falar aquí, xa que ocuparían demasiado. O último do que me gustaría falar relativo ó tema da mediación é das formas de incorporar a mediación nas aulas. O principal é facer do alumnado o protagonista das clases, animando, motivando e permitindo que discuta, reflexione e se exprese nesa lingua ou que teñan un apoio na súa primeira lingua de cara a aprender unha nova.



Esquema das estratexias e actividades de mediación que vimos na clase.



Non queda dúbida de que o papel da mediación é moi importante na aula de ensino dunha lingua estranxeira. É indiscutible a súa presenza non só coma mediación se non na maneira na que se entrelaza coas outras destrezas, tanto orais coma escritas. Queda claro, ademais, o seu papel de axudar e apoiar o desenvolvemento destas destrezas xa que fai de ponte entre a adquisición dun coñecemento e como ese coñecemento pode ser levado á práctica, especialmente na vida diaria do alumno.


En canto ás prácticas, e aínda que como xa dixen antes que non tiven oportunidade de asistir a dúas das clases, puiden levar a cabo dúas moi interesantes. Unha actividade radicaba na escolla dun texto, tanto oral coma escrito, para logo deseñar unha tarefa de mediación lingüística co texto cunha situación na que é precisa a mediación. No noso grupo decantámonos por levar a cabo unha actividade moi específica que presupoñía un intercambio de nenos escoceses nun centro galego e o foco da actividade estaría en torno ós xogos populares. Malia isto a actividade presentaba unha boa situación na que o alumnado tiña que estar en contacto directo, tanto físico coma comunicativo, cos nenos escoceses e faría falta mediación. O que non tivemos en conta, foi que esa mediación sería mais cara ó inglés que cara o español ou galego. A actividade presentouse finalmente na aula aos compañeiros, que tamén presentaron as súas propostas. Todas elas están dispoñibles aquí.

A outra actividade que levamos a cabo na aula, aínda que se entregou á profesora e non foi presentada ó resto da clase, foi a de deseñar unha actividade relativa a outro texto cunha serie de actividades tanto de pre-comprensión, de durante a lectura ou escoita e de post-comprensión. No noso caso decidímonos por un vídeo sobre o CPR cunha linguaxe bastante informal. As actividades e os contidos estaban pensados para un nivel de C1, polo que aínda que podería haber dificultades, deberían ter preparación e coñecemento suficiente para levar a cabo a actividade sen ningún problema. A actividade foi avaliada pola profesora a posteriori da clase. A actividade tamén está dispoñible en Google Drive

Coma conclusión, podemos ver que o papel da mediación no ensino dunha lingua estranxeira é tan amplo coma útil. Ó fin e ó cabo é unha vía de ensino de lingua estranxeira que pode aportar moitisimas vantaxes se se leva a cabo de forma correcta. O papel do profesor para isto é moi importante xa que ten a responsabilidade de animar e motivar ós alumnos a que se expresen, cousa que pode resultar difícil nas idades de secundaria.

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.