Showing posts with label Carla. Show all posts
Showing posts with label Carla. Show all posts

Thursday, 27 December 2018

Tema 3


No tema 3 tratamos temas relacionados co proceso de ensino-aprendizaxe das linguas estranxeiras, dende usuarios involucrados no proceso ata métodos efectivos para o seu correcto aprendizaxe, as actividades e estruturas relativas ó proceso, así coma o papel do erro no proceso de aprendizaxe, a avaliación e as certificacións das linguas estranxeiras polas institucións pertinentes. Gustaríame falar mais a fondo dos puntos relativos ós usuarios involucrados, as metodoloxías e o papel do erro no proceso de aprendizaxe das linguas estranxeiras.


Os usuarios involucrados no proceso de ensino-aprendizaxe poden resumirse a cinco: as autoridades educativas, os individuos relacionados cos exames e cualificacións, os autores de manuais ou os responsables do deseño dos cursos, o profesorado e o alumnado. Como se pode observar os entes mencionados están nun orden de maior cobertura a menor. As autoridades educativas son as que están no mais alto e son as que especifican os obxectivos da aprendizaxe que tódolos demais partes terán que cumprir aínda que non obriga a usar un método específico para o seu cumprimento. No caso de Galicia a Consellería de Educación é o que desenvolve estes currículos, que poden ser consultados aquí. Os seguintes serían os encargados de realizar as probas e de cualificalas e, para iso teñen que valorar que actividades e que parámetros son mais relevantes para a súa avaliación e cualificación. En canto ós autores de manuais e os deseñadores dos cursos son os encargados da selección e ordenación dos contidos dos manuais, xa sexan textos, actividades, gramática, etc. ademais de proporcionar as instrucións necesarias para o correcto desenvolvemento do aprendizaxe por medio do manual. O seguinte nivel sería o profesorado, que ten que respectar as autoridades educativas, levar a cabo as probas, facer uso dos materiais e preocuparse de que o alumnado estea suficientemente preparado para a realización favorable das probas de avaliación. Ademais ten un papel mais directo co alumnado, xa que é o responsable da aula e do aprendizaxe do alumno, e ten que buscar ambientes e métodos que sexan favorables para o proceso de ensino-aprendizaxe. Por último temos ó alumnado, que será o encargado de desenvolver as súas competencias e destrezas grazas ó profesorado e a tódolos demais axentes implicados.


Como se pode observar trátase dun proceso mais complexo do que podería parecer, xa que implica cinco grupos distintos encargados de funcións distintas co mesmo obxectivo, que é levar a cabo un proceso de ensino-aprendizaxe funcional e efectivo para o alumnado.


Respecto da metodoloxía fixemos na aula, tras unha explicación, unha actividade en grupos no que buscamos información sobre un método de ensino para dar resposta a unha serie de preguntas coma quen o crea, cando e por qué se crea ou cales son os seus obxectivos principais. No caso do meu grupo tocou traballar a suxestopedia, para a cal fixemos unha presentación. Este método, creado polo doutor Georgi Lozanov en 1978, busca liberar ás persoas das limitacións e das normas sociais, a través dun entorno calmado, para propiciar un aprendizaxe mais eficaz. Esta metodoloxía é usada maiormente para o aprendizaxe de linguas estranxeiras. Para ilustrar mellor ó método que nos tocou tamén presentamos un vídeo da realización dunha clase mediante a suxestopedia que se pode ver na plataforma de YouTube. Aínda que a nos nos tocou a suxestopedia, ós demais membros da aula, tamén por grupos, tocoulles traballar sobre outros métodos de aprendizaxe de linguas estranxeiras cunha mesma estrutura e tamén cun vídeo ilustrativo.


Podemos dicir, ademais do relativo á actividade da aula, que en canto ás metodoloxías sempre hai e haberá algunha nova que presente mellores resultados no seu momento e no seu contexto, xa que eses resultados diminuirán co paso do tempo e outra nova metodoloxía mais efectiva sairá adiante. A pesar disto as metodoloxías sempre deberán cumprir con certos requisitos coma a aceptación polas autoridades e organizacións, a correspondencia cos currículos ou que faciliten o proceso de aprendizaxe para o alumnado e a súa posta en práctica na aula.


Por último quixera resaltar a parte relativa ó papel do erro no ensino de linguas estranxeiras, xa que me parece un punto moi interesante do que vimos na aula. Un concepto moi importante que se ten que comprender é o de interlingua, que ven sendo unha representación mais simple e distorsionada da competencia que queremos conseguir nunha lingua estranxeira, xa que esa competencia meta non tería erros. O punto medio, a lingua que se fala no medio do proceso de aprendizaxe, será esa interlingua con erros na fala. Estes erros son importantes xa que, de non se recoñecer ou corrixir, non se levará a cabo un aprendizaxe satisfactorio da competencia na lingua estranxeira que estamos a buscar. Este período de interlingua, ademais é practicamente continuo, xa que os alumnos – e todos nos – estamos nun continuo proceso de aprendizaxe ata que acadamos un nivel sen erros no uso desa lingua.
Exemplo gráfico de qué lugar ocupa a interlingua no proceso de ensino-aprendizaxe.



Como xa dixen é importante identificar estes erros para a súa corrección. Estes pódense dar por dúas razóns: as interferencias da primeira lingua que é a que usamos xeralmente para comunicarnos e da pé a recorrer a ela para intentar expresarnos na lingua estranxeira; o proceso de organización das regras da lingua que estamos a aprender, que todavía non están asentadas e, polo tanto, requiren dunha premeditación para o seu uso correcto. E estes erros poden ser tamén de dous tipos: erros de desenvolvemento, habituais dun aprendizaxe e común incluso para os falantes nativos; erros fosilizados, que son os que quedan na interlingua e son moi difíciles de corrixir xa que se perpetúan coma un hábito.


Como podemos ver, neste tema tocamos moitos temas importantes relativos ó proceso de ensino-aprendizaxe e deben terse en conta para levar a cabo un proceso eficaz e satisfactorio para tódalas partes implicadas.

Thursday, 20 December 2018

Tema 4


O cuarto tema da materia, correspondente ás clases da profesora Carla Bouzada, trata sobre os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias. Na súa maioría o tema baseouse en profundar nunha maior medida no ámbito das competencias,en especial nas competencias establecidas no Marco Común Europeo de Referencia e as do sistema educativo español. As competencias, dito sexa de paso, son o conxunto dos coñecementos, destrezas e características individuais que permiten a unha persoa levar a cabo accións. 

Respecto do Marco Común Europeo de Referencia quédanos claro que ten un enfoque moito mais centrado na acción. Por exemplo espérase que os alumnos leven a cabo un aprendizaxe para poder facer unha actividade que lles aporte novo coñecemento. Con ese coñecemento pasarían a repetir a operación cara novos coñecementos e actividades.  Deste xeito o alumnado ten un continuo desenvolvemento das súas competencias e aprendizaxe de novos coñecementos. E dentro destas competencias separabámolas en dúas vertentes. Por un lado temos as competencias xerais, que non se relacionan directamente coa linguaxe pero ás que se pode recorrer para todo tipo de accións; e por outro lado as competencias comunicativas que, coma o seu nome indica, fan posible que unha persoa se poida desenvolver especificamente por medios lingüísticos.

Por suposto dentro das competencias xerais vimos que son moitas, moi variadas e abarcan moitos aspectos referidos ós catro pilares de saber, saber facer, saber ser e saber aprender. Dentro destas, ademais, temos moitos enfoques e divisións distintas, dende o coñecemento do mundo ou o coñecemento sociocultural ata as actitudes e valores ou a destreza de estudo.

Houbo un aspecto en particular no que nos detivemos mais que nos outros: a consciencia intercultural. Pero qué é a consciencia intercultural? Grosso modo trataríase do coñecemento, a percepción e a comprensión da relación entre o “mundo de orixe” e o “mundo da comunidade obxecto de estudio”. Noutras palabras, o entendemento dos elementos da propia cultura e da cultura que se estuda para ver que cousas teñen en común, cales son diferentes e, en base a iso, enriquecerse culturalmente do intercambio tanto social coma persoal. Parte desta consciencia intercultural cae nos estereotipos. Aínda que en moitas ocasións os estereotipos identifican a un tipo de perfil de persoa dun país ou comunidade, case nunca identifican á totalidade da mesma, xa que sempre hai que ter atención á diversidade das mesmas. É alí onde recae a responsabilidade do docente, en facilitar representacións de todo tipo da cultura que estamos a amosar para facer ver ós alumnos a diversidade cultural que ten a cultura obxecto de estudio.

En torno a esta cuestión detivémonos para visualizar unha charla TED por Chimamanda Ngozi Adichie, autora nixeriana, titulada The danger of a single story. Na charla Adichie fai un percorrido por recordos da súa infancia, adolescencia e temperá idade adulta en torno á súa percepción dos demais, das culturas que a rodeaban ou das culturas ás que estaba exposta por medio da televisión, o cine ou os libros. A partir disto desenvolve un discurso no que quere deixar claro dúas cousas. A primeira é que todos estamos expostos e estamos suxeitos a caer na concepción de estereotipos sen sequera sabelo. A segunda é que quixo deixar claro que isto é perigoso pois, se só temos unha idea – seguramente distorsionada ou xeralizada – dunha cultura ou comunidade non poderemos comprender ben esa cultura, a esas persoas que forman parte da comunidade e, por conseguinte, fracasaremos na valoración desa cultura.

Persoalmente, paréceme moi interesante todo o que di e como o di. Podería ser un recurso de moita axuda sempre que tratemos de impartir inglés coma lingua estranxeira ou case calquera outra materia que teña un carácter cultural ou social. Ademais trátase dunha autora de Nixeria, país – e continente – moi descoñecido para a meirande parte da poboación, especialmente os mais mozos, xa que terán una visión estereotipada do país. Coa axuda de charlas coma a de Adichie, poderíase chegar a romper este tipo de visións negativas e, ademais, abrir os ollos de cara á nosa propia cultura. Outro vídeo que vimos trataba os acentos do inglés, tamén moi recomendable coma material didáctico.

Cando xa acabamos de ver tódalas competencias pasamos a desenvolver unha tarefa relacionada co tema anterior. Se no tema anterior desenvolveramos un pequeno curso para unha persoa que se dedicaba ó sector da restauración co fin de amplialo seu coñecemento en inglés dentro dese campo, nesta ocasión tivemos que ampliar o curso tendo en conta as competencias.
Exemplo da escala que mide o dominio do vocabulario


Partindo do documento que fixemos, dispoñible en Drive, e nun color distinto ó negro inicial, fomos describindo de que maneira ían a desenvolverse algunhas das competencias segundo as actividades que se levarían a cabo no curso. No noso caso particular potenciariamos o coñecemento declarativo e sociocultural por medio dunha actividade en forma de dialogo. Neste tamén se desenvolverán as habilidades e destrezas prácticas especialmente na parte fonética. Outra parte importante deste desenvolvemento das competencias nas actividades que propuxemos é a da competencia léxica, a competencia semántica e a competencia gramatical xa que na elaboración de diálogos de práctica é fundamental dispor de léxico e capacidade para enlazalo en frases correctamente estruturadas para a súa correcta comprensión. No documento completo pódese ver todo o resultado.

Por último creo que é necesario resaltar que o ensino por competencias e os ámbitos que estas abranguen son unha forma positiva de dividilo coñecemento, especialmente no ensino dunha lingua estranxeira, xa que permite observar areas moi amplas en esferas mais pequenas todas elas entrelazadas dun xeito ou outro.

Thursday, 13 December 2018

Tema 2


Para o segundo tema da materia centrámonos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, coñecido comunmente coma MCER, tratando tanto qué é coma que funcións ten e que papel desenvolve no ámbito do aprendizaxe e ensino de linguas estranxeiras. Antes do comezo do tema a tratar fixéronse unhas pequenas preguntas previas para asentar base sobre o noso coñecemento previo sobre o MCER, así coma tamén unha pequena autoavaliación das capacidades de cada un segundo os estándares do Marco Común Europeo de Referencia. A través de sinxelas preguntas, cuxa resposta era positiva ou negativa, pode calquera persoa establecer grosso modo o seu nivel dunha lingua determinada. Aínda que esta ferramenta pode ser útil coma guía para os usuarios que non estean de todo seguros de que nivel teñen, podemos dicir que non é mais ca unha aproximación, xa que son preguntas demasiado xerais e que permiten moi pouco nivel de concreción na resposta coma para ter unha precisión no nivel de cada usuario. Pódese realizar o test aquí.


Ligado o que acabo de dicir, podemos establecer que o MCER é o que o seu título indica, un marco de referencia. A súa elaboración ten como fin o de servir de guía para a elaboración de currículos de forma xeral, o deseño  dos materiais para o ensino-aprendizaxe ou a avaliación das destrezas cunha lingua estranxeira, aínda que, coma xa dixeramos, trátase dunha avaliación moi xeral, con pouca precisión. Malia iso, o obxectivo do MCER é o de traspasar as barreiras dos sistemas educativos de cada sistema de ensino de cada país membro da Unión Europea. Coma é natural cada estado terá os seus estándares e currículos propios. A pesar disto, o inglés coma lingua estranxeira – por exemplo – é a mesma lingua para todos os estados membros polo que a súa avaliación en canto ás destrezas ca mesma deberían ser comúns para todos os cidadáns da Unión Europea. Esta iniciativa podería ser mais útil para os usuarios se fose moito mais concreta, se cadra con outro tipo de test mais detallado, e non tan xeral, no que se poida avaliar con maior fundamento se o coñecemento de cada usuario cunha lingua estranxeira se corresponde con cada nivel que establece o MCER. Por outro lado hai que considerar as dificultades que unha lingua contempla para a súa correcta avaliación.


No fondo da creación do MCER destaca tamén unha cuestión de unión de Europa e dos europeos. Pretende, ata certo punto, preparar á cidadanía europea para a mobilidade internacional tanto no ámbito académico coma no laboral. Para isto o dominio das linguas do entorno europeo é fundamental. E xa non só por cuestións académicas e laborais. Nunha Europa na que cada día conviven mais etnias e culturas mesturadas é preciso reavaliar como adquirimos e aprendemos as linguas e como as empregamos. Quizá sería momento de que a Unión Europea fixase unha lingua estándar e común para toda a unión; o problema sería acordar cal sería a axeitada.


Tradicionalmente podemos dicir que os niveis establecidos polo MCER para as linguas foron A1, A2, B1, B2, C1, C2, sendo o nivel A o mais baixo e o C o mais elevado. Isto adaptase segundo o caso co novo plan do 2018 que atende ás dificultades ou necesidades de cada lingua. O aprendizaxe non sempre será lineal e aínda que se estableza que para conseguir un nivel de C2 dunha lingua se vai tardar oito anos poderían ser na realidade mais ou se cadra menos.


Diagrama do novo plan proposto a partir do 2018.



O proceso de ensino das linguas pode sufrir ramificacións e intercalar niveles intermedios de ser preciso, polo que podemos observar bastante flexibilidade no proceso de ensino e aprendizaxe de linguas. Estas adaptacións poden deberse á dificultade de certa area da lingua, a necesidades especiais ou ó desenvolvemento dunha destreza lingüística para unha necesidade profesional específica.


Enlazado con isto último e para asentar os coñecementos tamén levamos a cabo unha actividade relativa ó marco MCER e ó deseño dun curso. Partindo do perfil dunha persoa que, no noso caso, era un estudante de Formación Profesional de Restauración, deseñamos un curso para a mellora da destreza na lingua estranxeira ligada ó ámbito da Restauración e seguindo os criterios do Marco Común Europeo de Referencia. Por suposto sería imposible desenvolver na aula o deseño dun curso completo, polo que fixemos o que serían dúas tarefas: a primeira enfocada ós alérxenos posibles que se puidesen atopar no ámbito dun restaurante, xa que consideramos fundamental o coñecemento e a correcta comunicación e comprensión dos mesmos para evitar danos da saúde dos clientes; a segunda cubre o que sería a interacción mais formal co cliente, con peticións, preguntas, suxerencias, etc. axudándonos de diálogos e representacións. Con actividade coma estas podería mellorarse o uso da lingua nun ámbito específico e segundo os estándares do MCER, xa que o individuo tería un nivel inicial B1 e os contidos poderían formar parte do camiño cara o nivel de B2 – polo menos na area específica ó que pertencen. A actividade completa está disponible aquí.


Podemos dicir, para rematar, que o Marco Común Europeo de Referencia cumpre unhas funcións nacidas da necesidade de unir – ata certo punto – á cidadanía europea. Pese a que podería ser de maior axuda ou dun carácter superior sobre os estados, podemos dicir que é un primeiro paso cara a un posible proxecto maior no futuro da Unión Europea.

Thursday, 29 November 2018

Tema 1


Neste primeiro tema por parte da profesora Carla Bouzada, la enseñanza de lenguas en el presente modelo educativo, nacional y autonómico, e tras unha pequena actividade introspectiva de presentación e de opinión respecto do bo e do malo do ensino dos idiomas en secundaria, tratamos a evolución das distintas leis educativas ó longo da historia de España, que é o que revisaremos nesta entrada, e finalizamos cunha actividade en grupo respecto dos ciclos formativos.


O primeiro que me gustaría resaltar é como coa observación histórica destas leis podemos comprender dos cousas: primeiro que o mundo que nos rodea e as situacións políticas do propio estado inflúen en gran medida tanto nas leis de educación coma nos contidos e as estruturas; en segundo lugar a latente inestabilidade do sistema educativo español, xa que vai cambiando cada catro ou oito anos e nunca chega a ter unha consistencia válida para tódolos axentes implicados na dirección do estado.


Respecto do ensino de linguas o primeiro que chama a atención neste repaso histórico é o peso tan importante que tiña a lingua francesa no sistema educativo español, moi por encima do que tiña o inglés ou o alemán. Isto cambia a partir dos anos 50, sen lugar a dúbida, polo poder económico estadounidense que despega trala II Guerra Mundial e o seu dominio en Alemaña. Coma é natural moito do valor que se lle dan ás linguas ven polo seu poder económico. Xa nos anos 70 o inglés instaurase como a primeira lingua estranxeira, aínda que o francés seguirá tendo presenza.


Cando falamos das leis de educación do ensino quixera resaltar a tremenda inestabilidade das mesmas dende os anos 70. Facendo un pequeno resumo temos:

1970 – LGE (Ley General de Educación)               
1978 – Constitución Española   
1980 – LOECE (Ley Organica del Estatuto de los Centros Escolares)        
1985 – LODE (Ley Organica del Derecho a la Educación) – PSOE
1990 – LOGSE (Ley Organica de Ordenación General del Sistema Educativo) – PSOE     
2002 – LOCE (Ley Organica de Calidad de la Educación) – PP (non chega a implantarse)               
2006 – LOE (Ley Organica de Educación) – PSOE              
2013 – LOMCE (Ley Orgánica para la Mejora de la Calidad Educativa) – PP           


Resulta moi evidente que cada partido político ten unha interese particular en canto a educación, e como dicía un antigo profesor meu: o que ensina, domina.


Pero deixando a un lado os intereses políticos de cada partido, podemos pensar que o tremendo número de leis do ensino – sete en 40 anos – débense a unha adaptación do ensino ás necesidades do mundo para o alumnado. E seguramente na meirande parte dos casos e dos artigos de cada unha desas leis, esas reformas trouxeron melloras xerais en tódolos aspectos. Non obstante pódese ver unha inestabilidade que pode ou non corresponderse co mundo que nos rodea, pero é unha inestabilidade tanto para as institucións, os docentes, os alumnos e mais as familias. O feito de que cada catro ou oito anos non se teña claro se unha materia vai a estar presente ou non no vindeiro ano, ou que algunhas materias, como ocorre con Filosofía, vexan cada vez mais reducidas as súas horas lectivas, ou – o caso mais flagrante na miña opinión – que a relixión siga enquistada no sistema educativo español, da a impresión de que o barco da educación quere ter dous capitáns ou mais.


Podería ser hora de que se unificase unha reforma da educación pensada no futuro, e non nos próximos catro anos, coa capacidade de reformarse e actualizarse nos puntos necesarios pero sen a necesidade de promulgar unha nova lei que anule a anterior sistematicamente.


Respecto do ensino de linguas chama a atención que a idade de inicio do ensino de lingua estranxeira, maioritariamente inglés, vai cambiando segundo a lei pero mantén unha presenza sempre en secundaria e no bacharelato.


Respecto da presenza na educación do ensino de linguas estranxeiras e, en relación a actividade que desenvolvemos en clase, tamén é preciso falar dos ciclos formativos. A aula dividiuse en tres grupos de cinco e seis membros. Cada un tivo asignado unha serie de preguntas sobre a Formación Profesional Básica, os Ciclos Formativos de Grado Medio e os Ciclos Formativos de Grado Superior. No meu grupo en particular tocou o Grado Medio. A actividade foi moi útil para entender mellor estes cursos de formación, xa que a meirande parte da aula non fixo nunca ningún.


No noso caso que trataba os Ciclos Formativos de Grado Medio atopamos que na proba de acceso dende a FP Básica non hai unha proba de linguas estranxeiras de ningún tipo. Tamén vimos que no grado medio só hai cinco cursos nos que se imparta unha lingua estranxeira. En contraste nos ciclos de grado superior o inglés está moito mais presente e nalgúns casos incluso hai unha segunda lingua estranxeira. Este inglés que se da nestes ciclos posúe un vocabulario relativo á area de desenvolvemento da actividade próxima ó ciclo e un aprendizaxe de termos e fórmulas útiles para estas actividades.

Posible percorrido polo sistema educativo.



Por último fixemos un repaso doutros ciclos de grado medio que poderían beneficiarse do ensino dunha lingua estranxeira na súa formación. A actividade completa pódese atopar aquí.


O análise dos ciclos formativos mostra que, se ben na ESO e no Bacharelato o inglés ten unha presenza continua, nos ciclos non sempre sucede. Quizás sexa porque espérase que os que se decantan polo Bacharelato irán posteriormente á universidade, onde o inglés e fundamental para adquirir un coñecemento mais global. Pódese atopar unha lista completa dos ciclos de formación ofertados en Galicia aquí. Para unha información maior poderemos dirixirnos TodoFp.

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.