Showing posts with label dossier. Show all posts
Showing posts with label dossier. Show all posts

Friday, 4 January 2019

Dossier tema 7 e 8


Para esta entrada do blog, e dadas as circunstancias das clases na última semana, decidimos facer unha entrada conxunta para o tema 7 “Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía CLIL/AICLE. Os proxectos lingüísticos de centro (PLC)” e para o tema 8 “As linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas internacionais”. Polo tanto esta entrada tratará o feito na aula abarcando ámbolos temas. A principal razón pola cal se tomou esta decisión foi pola necesidade de dedicarlle unha clase enteira, a última, á realización de presentacións por parte do alumnado de forma individual. Ademais parte destas presentacións tocaban os temas referidos ó tema 8.

Debido ó dito anteriormente, non levamos a cabo ningunha actividade referida ó tema 8, aínda que participamos nas presentacións dos compañeiros que tocaban o tema 8 por medio de preguntas tras escoitar e ver as súas presentacións. Pola contra si levamos a cabo unha actividade sobre o tema 7, sobre a metodoloxía CLIL. A metodoloxía CLIL está relacionada ca educación bilingüe, xa que establece que polo menos a metade dunha materia ten que esta impartida nunha lingua estranxeira. Trátase dunha metodoloxía moi interesante xa que, ademais de estar aprendendo sobre un campo ou unha materia, poñamos por caso a química, ademais estase a aprender en inglés, polo que se desenvolven dúas destrezas ó mesmo tempo. Aínda que non tódolos centros dispoñan de medios para levar a cabo esta metodoloxía, non deixa de ser unha moi boa forma de facilitar o aprendizaxe dunha lingua estranxeira.

Como xa se dixo, na aula levouse a cabo unha actividade relativa ó tema 7. Dividímonos en cinco grupos distintos de tres membros e se nos asignou un tema, de entre cinco. No meu caso concreto tocounos o tema do andamiaxe ou scaffolding en CLIL. Xunto coas miñas compañeiras buscamos información acerca de qué e cómo se desenvolvía un aprendizaxe en CLIL por medio do scaffolding para logo facer unha infografía por medio da plataforma CANVA. Entre a información que vimos necesaria para unha infografía sobre o tema falamos dos autores relativos ó scaffolding, definimos que era, vimos como se podería aplicar dunha forma efectiva e con un exemplo e falamos das vantaxes e desvantaxes que ten o scaffolding na aplicación efectiva do método CLIL. Tendo en conta toda a información pareceunos unha moi boa forma de integrar a metodoloxía CLIL na aula xa que, grazas á axuda limitada do profesor, pódese facilitar que os alumnos por si sos consigan resultados positivos na súa aprendizaxe. Pola contra, e esta pareceunos a principal desvantaxe, o requirimento de tempo aumentaría para levar a cabo de forma eficaz esta metodoloxía en CLIL. A parte sería necesario facilitarlle ó profesorado unha formación específica para desenvolver esta metodoloxía de andamiaxe de forma correcta na aula, xa que non é doado adecuar ata qué punto proporcionar axuda, cómo retirar esa axuda e como facer que o aprendizaxe transcorra de forma correcta, sen estancamentos. A nosa infografía pódese consultar no portal de canva, aquí.
Nosa infografía sobre o scaffolding na metodoloxía CLIL.


Os demais compañeiros fixeron unha actividade moi similar á nosa coa axuda de diversas ferramentas e sobre distintos temas. Estes temas foron: O marco europeo para a educación do profesorado CLIL, falando de como se debe proxectar a educación con CLIL por parte do profesorado; as sínteses e conclusións sobre o estudo da aprendizaxe integrada de contidos e linguas no contextos escolar europeo, falando da situación do aprendizaxe en esta metodoloxía en España, resaltando o predominio do inglés; as cinco dimensións de Marsh, que nos fala dos cinco aspectos a ter en conta, segundo Marsh, á hora de levar a cabo un ensino en CLIL; e o deseño do currículo integrado CLIL, no que trataron como se debería de levar a cabo o deseño dun currículo segundo a metodoloxía CLIL para unha materia. Todas estas infografías están dispoñibles en Drive para a súa consulta. Todas foron moi interesantes, xa que trataban distintos puntos, xunto coa nosa, da metodoloxía CLIL que moitos de nos non coñecíamos. O feito de que se poidan desenvolver unha materia paralelamente a unha lingua estranxeira pareceunos un punto moi importante á hora de valorar se paga a pena levar a cabo ou non un aprendizaxe na aula segundo a metodoloxía CLIL.

Como punto final, tratando brevemente as presentacions referidas ó tema 8, foron todas moi interesantes xa que trataban os sistemas educativos doutros paises coma Corea do Sur ou Finlandia. Sempre é importante ter perspectiva respecto de como funcionan as cousas noutros sitios e, no caso da educación, podería ser incluso mais importante, xa que é necesaria unha constante adaptación do método para un aprendizaxe efectivo por parte do alumnado.

Sunday, 23 December 2018

Dossier tema 6


No tema 6, titulado “As programacións didácticas vixentes” centrámonos mais polo miúdo na observación de unidades e programacións didácticas que se están a levar a cabo en centros do noso entorno. Para isto comezamos cunha pequena introdución na que debatemos en grupo cales serían as partes mais importantes dunha programación didáctica co obxectivo de chegar a un acordo. A pesar de que a nosa visión xeral  centraba a importancia das seccións dunha programación didáctica en torno ós criterios de avaliación, o desenvolvemento das competencias clave ou os estándares de aprendizaxe, o profesor Gonzalo Constenla fíxonos recordar que unha parte moi importante das mesmas son as partes nas que o docente pode variar e traballar como el pense que é mais axeitado. Sempre, por suposto, co cumprimento e sen levala contra á lexislación vixente. Entre estas seccións atoparíamos a metodoloxía ou a contextualización.

Coma primeira actividade na aula o que se nos propuxo foi facer grupos e buscar unha programación didáctica da materia de inglés dun departamento dun instituto de Galicia. Despois disto tiñamos que analizar brevemente dita programación prestando atención ós seus apartados, ás fontes de información, ós aspectos que chamasen a nosa atención e ademais a aportar unha pequena descrición, dunhas cen palabras aproximadamente, dos contidos de cada un dos seus apartados. No meu caso particular formamos un grupo de tres persoas e eliximos a programación do departamento de inglés do Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel, de Rianxo. O produto da nosa observación e análise debería quedar plasmado nunca breve presentación a través da plataforma PowToon que permite a realización de presentacións alternativas ás mais coñecidas como poden ser as de Power Point ou Prezi. Mais adiante tería que ser subida a plataforma de YouTube que lle engadiría animacións e música. Aínda que a nosa presentación en concreto, dispoñible aquí, quedou un pouco corta porque no grupo non comprendemos correctamente a tarefa, pareceunos unha forma mais interactiva de preparar e presentación a información. Ademais co feito de subilo contido a YouTube a información queda a disposición de todo o que queira consultala ata que o usuario decida quitalo vídeo da rede.

Tras a presentación e visionado de tódolos traballos que fixemos nos grupos de clase pertencentes á actividade anterior pasamos á seguinte parte con outra actividade. Nesta actividade afondamos no tema das rúbricas para a avaliación. Neste caso en concreto utilizamos de referencia unha rúbrica que xa estaba dispoñible dentro do curso – creada para a avaliación das presentacións finais da materia. Nesta rúbrica en concreto avaliábanse os puntos relativos ó contido, a estrutura, o deseño, a fundamentación, a valoración persoal e crítica e por último a expresión oral e a eficacia expositiva. Polo xeral as presentacións tiveron notas moi similares en total, sendo a nosa propia a que peor nota tiña, desafortunadamente. Con esta actividade practicamos o uso das rúbricas para levar a cabo unha avaliación dun xeito mais obxectiva, xa que os criterios que se perciben teñen que concordar en maior ou menor medida con un cadro establecido na rúbrica. Este cadro marca que nota lle corresponde por ese criterio e, deste xeito, o criterio subxectivo xoga un papel moito menor na cualificación das actividades.
 
Grade de avaliación empregada para desenvolver a actividade 2.

A seguinte actividade que desenvolvemos en clase tamén era relativa ás programacións didácticas só que neste caso tratamos as programacións da Escola Oficial de Idiomas. Para esta actividade dividímonos en grupos mais numerosos, de catro ou cinco persoas. Despois buscamos unha programación didáctica da materia de inglés dunha Escola Oficial de Idiomas. Tras buscar sen éxito en Vigo e Ferrol acabamos recurrindo á programación didáctica da Escola Oficial de Idiomas de Monforte. A partir de alí tiñamos que facer unha valoración da mesma e elaborar unha presentación que, ademais, tiña que estar gravada coa aplicación Screencast-o-matic que nos permitía tanto gravarnos a nos mesmos coma a pantalla do ordenador. No noso caso nos decantamos polo último: elaboramos un análises tras unha observación da programación, no que iamos relatando o que pensabamos da mesma e mostrando na pantalla a qué nos estabamos a referir. Outros compañeiros optaron por gravarse a si mesmos falando para a cámara, pero nos pensamos que sería mais sinxelo para a comprensión mostrar o texto do que estabamos a falar. O vídeo resultante da actividade foi logo subido á plataforma de Youtube, no que se pode ver.

Coma conclusión podo dicir que observamos as programacións didácticas dende puntos distintos e pertencentes a organismos diferentes. Puidemos observar cousas en común e cousas que non se tiñan organizado de maneira similar, pero conseguimos ter mais referencias á hora de analizar se unha programación está mellor ou peor. O feito de facer presentacións con outros métodos e en vídeo foi bastante distinto ó habitual, pero non por iso menos interesante.

Thursday, 29 November 2018

Dossier Tema 5


Neste tema 5, titulado “Deseño curricular base”, tratamos puntos relacionados con qué e un currículo, cales son os seus elementos ou qué son as competencias básicas ou clave. A parte das explicacións que recibimos na clase, e dos diversos debates e razoamentos en grupo por parte do alumnado para dar una resposta  a estas preguntas, levamos a cabo tres actividades que nos axudaron a comprender mellor o tema dunha forma mais dinámica do que suporía se tan só lésemos sobre isto. Dúas destas actividades desenvolvéronse por medio da plataforma Kahoot! que permite a integración do coñecemento na aula por medio de xogos e actividades lúdicas. A terceira actividade baseouse nun traballo de procura de información en grupo sobre o papel das linguas estranxeiras na LOMCE para dar resposta a unha serie de preguntas.

A primeira das actividades, titulada Currículo LOMCE: quen fai qué? desenvolvida por medio da plataforma Kahoot!, centrouse en contido referido ó currículo e a que fai cada parte do mesmo e como se poden modificar.  Para facelo xogo dividímonos en equipos de dous ou tres alumnos por grupo. Só unha persoa por grupo tiña que ter acceso a actividade aínda que as respostas ás preguntas acordábanse entre todo o grupo. Unha vez feitos os grupos a actividade desenvolveuse da seguinte forma: primeiro mostrábase na pantalla unha pregunta durante uns segundos para que cada grupo a lese. Logo diso pasábase a unha conta atrás de tres segundos tras os cales volvíase amosar a pregunta, pero esta vez acompañado de tres ou catro posibles respostas en distintas cores, vermello, verde, azul e amarelo. Canto mais pronto lle désemos á resposta, mais puntos acadaríamos. Pero se nos precipitabamos podíamos cometer un erro e entón non conseguíamos ningún punto. 
Pantalla de puntuación final da actividade en Kahoot! (versión de movil)

En segundo lugar levamos a cabo a actividade de procura de información en grupo sobre o papel das linguas estranxeiras na LOMCE. No meu grupo tocounos investigar acerca do papel das linguas estranxeiras nos ciclos formativos, e mais concretamente en torno ó profesorado, a estrutura dos módulos de linguas estranxeiras nos ciclos e sobre o currículo. A información atopámola consultando varias fontes e documentos da Xunta de Galicia e dos documentos dispoñibles en Faitic. No caso do profesorado atopamos que para o acceso ó ensino docente en lingua estranxeira nos ciclos os requirimentos son os mesmos que para o ensino en secundaria. Respecto da estrutura puxemos de exemplo o contido das guías docentes para o Ciclo Medio en Actividades Comerciais e do Ciclo Superior en Guía, Información e Asistencia Turísticas (dispoñibles na páxina web da Formación Profesional da Xunta de Galicia). En canto ó currículo botamos man da información referida nun boletín da Xunta de Galicia composta de catro artigos. A actividade pódese consultar na súa totalidade, xunto co traballo do resto dos membros da aula aquí.

A terceira actividade levouse a cabo, de novo, por medio da plataforma Kahoot!. Desta volta a actividade xiraba en torno as Escolas Oficiais de Idiomas na comunidade autónoma de Galicia. Os grupos na aula foron os mesmos que se formaran para a primeira actividade. Neste caso púidose apreciar que non posuíamos tanta información e coñecemento sobre as Escolas Oficiais de Idiomas coma o que sabíamos sobre o currículo. Malia todo a actividade desenvolveuse ben e puidemos contestar correctamente a unha boa cantidade de preguntas.

Como conclusión podemos dicir que as actividades escollidas para este tema 5 foron apropiadas, creativas e moi útiles para un mellor entendemento do temario. Foron especialmente interesantes as dúas actividades desenvolvidas en Kahoot!, xa que nos permitiron competir entre nos e, polo camiño, facer memoria do que sabemos sobre os temas das dúas actividades. Non só iso, senón que ademais no caso de errar nalgunha das preguntas, e co comentario explicatorio do profesor, atopabamos a resposta correcta e lle dábamos sentido a todas as cuestións que non tiñamos de todo claras. En xeral este tipo de actividades semellan ser, ademais de entretidas e divertidas, moi funcionais. Ademais, ó aportar un toque de competición e un compoñente lúdico, poden ser un intermedio nas sesións de clase sen deixar de aprender. Por outro lado, a segunda actividade, se ven no proceso da procura de información puidemos dar resposta a moitas preguntas sobre o tema a tratar, si que é certo que moitas veces, na investigación, chégase a documentos sen saída, dos que non extraes nada que se corresponda co que queres saber. Malia iso, toda información é útil dun xeito ou de outro. A maior pega e qué, o se dividir o traballo en grupos, cada grupo estará mais informado da parte que lles toca e menos das dos compañeiros, aínda que escoitamos e lemos o resultado da súa investigación.

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.