Friday, 25 January 2019

Didáctica - Cristina Rodríguez


Coa profesora Cristina Rodríguez tivemos tres clases cun total de dez horas. As súas clases centráronse nas estratexias de comunicación, tanto oral coma escrita, e como é o tratamento na aula desas estratexias.  Ademais, e relacionado con isto, tamén tratamos procedementos para as catro habilidades ligadas á comunicación directa – saber falar, escoitar, ler e escribir – e tratamos o tema da mediación. É importante sinalar que no meu caso particular, e por motivos de traballo, só puiden asistir a unha soa clase, pero contei coa axuda dos meus compañeiros para recoller toda a información posible e realizar esta entrada do blog.


Comezarei falando do último do que falei, a mediación. A mediación está cada vez mais presente nas aulas e está sendo considerada coma unha quinta destreza. Aínda que está presente dentro do currículo da EOI e da educación secundaria é posible que en España esteamos menos avanzados na súa presenza na aula que no resto de Europa. Pero qué é a mediación? Grosso modo podemos dicir que a mediación é a actividade da linguaxe que consiste en reformular, xa sexa de forma oral ou escrita, un texto co obxectivo de facer posible a comprensión doutras persoas e dun mesmo. E qué metodoloxía é mais axeitada para desenvolver esta destreza? Pois unha metodoloxía activa e participativa, que leve á practica os coñecementos e habilidades dos alumnos para consolidar un aprendizaxe individual e en grupo. Considérase que nada está realmente aprendido ata que se pon en práctica de forma efectiva na sociedade, isto é parte da mediación. Este aspecto da posta en práctica dos coñecementos no ámbito social que nos rodea – noutras palabras na vida real da que formamos parte – é esencial para o desenvolvemento da mediación. De feito na elaboración do currículo, referido á mediación, tense en conta que eses contidos e coñecementos poidan ser aplicados en situacións da vida cotidiana e, aínda mais, que poidan ser de utilidade para estudantes de especialidades concretas, coma no caso dos estudantes de ciclos formativos que precisan unha linguaxe mais específica e centrada nun ámbito mais puntual da súa vida, sobre todo no aspecto laboral.


Dentro da mediación temos tres clasificacións distintas da mesma: a mediación lingüística ou textual, que se basea na reformulación, os códigos, pasar a mensaxe do escrito ao oral e viceversa, etc.; a mediación conceptual, que cobre os procesos polos que adquirimos coñecementos, as interaccións sociais ou o desenvolvemento pedagóxico; e a mediación social ou cultural, que se centra na resolución de conflitos. En canto da primeira, a mediación lingüística, estaríamos a falar, por exemplo, na transmisión do contido dun texto a outras persoas que non teñen o coñecemento suficiente desa lingua para o entender. Ademais, dentro da mediación lingüística temos tres puntos nos que se pode dividir: a mediación verbal, a mediación visual e a mediación cultural. A mediación verbal subdivídese en intra-lingüistica e inter-lingüistica, consistiría na transmisión dun texto inicial a outra persoa que non o entende ou non o comprende por completo. A mediación visual pode dividirse en visual ou multimodal e consistiría na transmisión de textos visuais ou multimodais a outro interlocutor ou interlocutores a través da explicación ou dun único modo. Por último, a mediación cultural pode dividirse en intracultural e intercultural, e consistiría na transmisión de información da realidade, costumes, hábitos, etc. dun a un falante da túa propia lingua – intracultural – ou dunha lingua distinta – intercultural. Dentro de cada unha destas categorías da mediación existen unha serie de estratexias que se poden levar a cabo para unha mediación eficaz das que non vou a falar aquí, xa que ocuparían demasiado. O último do que me gustaría falar relativo ó tema da mediación é das formas de incorporar a mediación nas aulas. O principal é facer do alumnado o protagonista das clases, animando, motivando e permitindo que discuta, reflexione e se exprese nesa lingua ou que teñan un apoio na súa primeira lingua de cara a aprender unha nova.



Esquema das estratexias e actividades de mediación que vimos na clase.



Non queda dúbida de que o papel da mediación é moi importante na aula de ensino dunha lingua estranxeira. É indiscutible a súa presenza non só coma mediación se non na maneira na que se entrelaza coas outras destrezas, tanto orais coma escritas. Queda claro, ademais, o seu papel de axudar e apoiar o desenvolvemento destas destrezas xa que fai de ponte entre a adquisición dun coñecemento e como ese coñecemento pode ser levado á práctica, especialmente na vida diaria do alumno.


En canto ás prácticas, e aínda que como xa dixen antes que non tiven oportunidade de asistir a dúas das clases, puiden levar a cabo dúas moi interesantes. Unha actividade radicaba na escolla dun texto, tanto oral coma escrito, para logo deseñar unha tarefa de mediación lingüística co texto cunha situación na que é precisa a mediación. No noso grupo decantámonos por levar a cabo unha actividade moi específica que presupoñía un intercambio de nenos escoceses nun centro galego e o foco da actividade estaría en torno ós xogos populares. Malia isto a actividade presentaba unha boa situación na que o alumnado tiña que estar en contacto directo, tanto físico coma comunicativo, cos nenos escoceses e faría falta mediación. O que non tivemos en conta, foi que esa mediación sería mais cara ó inglés que cara o español ou galego. A actividade presentouse finalmente na aula aos compañeiros, que tamén presentaron as súas propostas. Todas elas están dispoñibles aquí.

A outra actividade que levamos a cabo na aula, aínda que se entregou á profesora e non foi presentada ó resto da clase, foi a de deseñar unha actividade relativa a outro texto cunha serie de actividades tanto de pre-comprensión, de durante a lectura ou escoita e de post-comprensión. No noso caso decidímonos por un vídeo sobre o CPR cunha linguaxe bastante informal. As actividades e os contidos estaban pensados para un nivel de C1, polo que aínda que podería haber dificultades, deberían ter preparación e coñecemento suficiente para levar a cabo a actividade sen ningún problema. A actividade foi avaliada pola profesora a posteriori da clase. A actividade tamén está dispoñible en Google Drive

Coma conclusión, podemos ver que o papel da mediación no ensino dunha lingua estranxeira é tan amplo coma útil. Ó fin e ó cabo é unha vía de ensino de lingua estranxeira que pode aportar moitisimas vantaxes se se leva a cabo de forma correcta. O papel do profesor para isto é moi importante xa que ten a responsabilidade de animar e motivar ós alumnos a que se expresen, cousa que pode resultar difícil nas idades de secundaria.

No comments:

Post a Comment

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.