Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.
Thursday, 21 February 2019
Competencias clave e actividades de gramática e vocabulario
Nesta segunda entrada dedicada ás clases
que tivemos coa profesora Úrsula trataremos os temas das competencias clave e
do desenvolvemento de actividades de gramática e vocabulario na aula.
O tema das competencias
clave non foi novo para nos, xa que o vimos o longo de todo o master en
diferentes asignaturas. Malia todo trátanse dunha serie de conceptos moi
importantes para o correcto desenvolvemento do ensino – aprendizaxe. As
competencias clave xa viñan recollidas na LOE sendo oito competencias. A LOMCE
fará posteriormente desas oito, sete, e as define coma capacidades para aplicar
de forma integrada os contidos propios de cada ensinanza e etapa educativa co
fin de acadar a realización adecuada de actividades e a resolución de problemas
complexos. Esas sete competencias clave serán: a Competencia en Comunicación Lingüística
(CCL) que trata o relativo á expresión oral e escrita, a comprensión de textos,
a expresión de ideas, a interacción con outros e, en xeral, a comunicación; a
Competencia Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxías
(CMCCT) que tratan todo o relativo á resolución de problemas, uso dos números,
o emprego de estruturas lóxicas, o espazo e a forma ou os problemas medioambientais entre outras
temáticas; a Competencia Dixital (CD) que abrangue todo o relativo ó uso da
tecnoloxía, o contacto dixital, o uso de material audiovisual e a participación
nos blogs, wikis ou redes sociais; a Competencia de Aprender a Aprender (CAA)
que trata as técnicas de estudio, a autoavaliación, o traballo cooperativo e a
autonomía dos individuos para adquirir coñecementos novos; as Competencias
Sociais e Cívicas (CSC) que se centran no respeto dos dereitos dos humanos e
animais, o respeto pola diversidade, a globalización ou a tolerancia cara
outras culturas e relixións; o Sentido da Iniciativa e o Espírito Emprendedor
(CSIEE) que promove a planificación, o esforzo, as cualidades de liderazgo e a
responsabilidade; e a Competencia de Conciencia e Expresións Culturais (CCEC)
que trata as diferentes culturas, as tradicións,
a lectura e a sensibilidade pola arte en tódolos seus formatos. Grazas a estas
competencias podemos trazar, coma profesores, un camiño mais doado e eficaz
para conseguir éxito na etapa educativa dos alumnos e poidan converterse en
adultos competentes en moitos ámbitos da vida. As competencias que se deben de
traballar en cada curso da secundaria veñen indicadas pola Xunta de Galicia, no
caso desta comunidade. A grandes rasgos puidemos observar na aula que, no
tocante ás linguas estranxeiras, esíxese un traballo sobre a Competencia en
Comunicación Lingüística, a Competencia Dixital, a Competencia de Aprender a
Aprender, a Competencia de Conciencia e Expresións Culturais e as Competencias
Sociais e Cívicas. Pola contra non se observa a obrigatoriedade de traballar
coa Competencia Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxía
ou o Sentido da Iniciativa e o Espírito Emprendedor.
En relación coas competencias clave
levamos a cabo na aula unha actividade por grupos no que se nos asignou unha
competencia clave a cada grupo e tivemos que pensar qué poderíamos levar a cabo
para traballar as competencias nunha clase de lingua estranxeira. No meu caso
fixen a actividade con Sara Otero e Miguel Aira e tocounos a Competencia
Matemática e as Competencias básicas en Ciencias e Tecnoloxía. Aínda que
inicialmente pensamos que sería difícil de encadrar unha competencia coma esa
coa lingua estranxeira, pronto encontramos unha forma moi interesante. O que
plantexamos foi o tratamento das partes do corpo e as medidas coa creación de
frases descritivas tipo my arm is 70
centimeters long; o uso das cantidades, as comidas e os aportes
nutricionais para falar do que comemos, tamén por frases ou redacción tipo today I ate 300g of meat, which gives me
protein; e tamén algún tipo de lectura en lingua estranxeira sobre temas
relacionados co espazo ou a chegada do home á Lúa. Tralo proceso puxemos en
común as nosas ideas coa clase. Puidemos observar que é posible tratar tódalas
competencias no ámbito das linguas estranxeiras, aínda que sempre pode haber
dificultades.
No tocante ó ensino de gramática e
vocabulario vou falar das actividades
que levamos en grupo, tamén con Sara Otero e Miguel Aira. Ámbalas dúas foron
deseñadas para 1º da ESO. A primeira foi en torno ó vocabulario do corpo. Para
o desenvolvemento da mesma fixemos catro actividades distintas: a primeira, de
motivación, presentando unha canción que fala do corpo; logo unha actividade
guiada co uso de flashcards situadas, segundo o que digan os alumnos, nas
partes do corpo, e coa corrección do profesor; logo viría una actividade
semiguiada na que as flashcardas irán dentro dun recipiente do que despois, por
parellas, terán que sacar unha tarxeta e sinalar a parte do corpo do compañeiro
ó que fai referencia; por último teríamos a actividade libre no que terían que
facer unha redación curta, de cinco liñas, describindo os seus corpos usando o
vocabulario.
En canto á actividade de gramática a
deseñamos pensando no presente e o pasado continuo. Do mesmo xeito deseñamos
catro actividades: a primeira de motivación, cun vídeo onde se poidan ver os
aspectos gramaticais a tratar; logo viría a actividade guiada con outros vídeos
de xente que leva a cabo actividades e se describe o que está ou estaba a
facer; despois teriamos unha actividade semiguiada no que poríamos dous
recipientes, un con verbos para usar en presente continuo e no outro verbos
para usar en pasado continuo e con eles facer una frase que combine os dous
facendo uso de yesterday e today; por último, na actividade libre,
farían un pequeno diario do día sobre o que están ou estaban a facer.
En xeral o tema das competencias clave
sempre me parece interesante, xa que me parecen unha axuda e unha guía tanto
para o profesorado coma para o alumnado. No canto das actividades relacionadas
coa gramática e o vocabulario puidemos observar que non é tan difícil levar a
cabo cada tipo de actividade aínda que somos conscientes de que non sempre será
posible levalas a cabo de xeito correcto na aula.
O papel do titor e a titoría, lifeskills, medidas de atención á diversidade, metodoloxía CLIL e auxiliares de conversación
Aínda que tivemos tres sesións coa
profesora Úrsula os seus contidos foron posiblemente os mais grandes. Por iso
vanse dividir tanto os contidos e as actividades en dúas entradas. Nesta, a
primeira delas, imos a falar dos contidos sobre a titoría e o papel do titor,
as lifeskills, as medidas de atención á diversidade, a metodoloxía CLIL e os
auxiliares de conversación.
O principal tema do que falamos nas aulas
foi o tema da titoría e das funcións do titor dentro do ámbito dun centro de
educación secundaria. Se ben pode estar visto coma un cargo ou función mais ben
de trámite a verdade é que ser titor dun curso é estar nun posto de responsabilidade
para unha boa execución do ensino – aprendizaxe dos alumnos e unha peza clave
na resolución de dificultades e conflitos que poidan ter. Entre tódalas funcións
do titor encontramos as mais importantes como son: o mantemento das faltas ó día, que hoxe se
leva a cabo mediante a plataforma XADE
da Xunta de Galicia; manter un contacto relativamente constante e favorable non
só cos alumnos ó seu cargo senón tamén cos pais correspondentes xa que unha boa
comunicación tende pontes entre o centro e os fogares; coordinar as avaliacións dos alumnos o seu
cargo, sempre en contacto cos profesores das demais asignaturas que imparten
clase ós alumnos que titoriza; etc. Nas horas designadas como de titoría,
ademais, é importante abordar distintos temas e ámbitos educativos e tamén
estar ó tanto dos problemas que poidan ter os alumnos con calquera asignatura,
profesor ou compañeiro. É importante para o titor fomentar unha mellor percepción
dun mesmo, xa que os rapaces que se encontran nestas idades e no ámbito do
instituto tenden a ter unha baixa autoestima e unha mala imaxe de si mesmos;
tendo unha mellor imaxe dun mesmo e unha autoestima mais elevada o proceso de
aprendizaxe farase mais doado. Outra cousa importante a ter en conta para
tratar nas aulas de titoría é todo o que teña que ver co ámbito académico, xa
sexan as recuperacións pendentes, as técnicas de estudo para acadar un estudo
mais efectivo e uns mellores resultados, os horarios das aulas ou as saídas
profesionais, se xa falamos de 4º da ESO ou de 2º de Bacharelato. Queda claro
que ser titor esixe unha responsabilidade para con os alumnos e os seus
procesos educativos.
Respecto da titoría levamos a cabo unha
actividade na aula en grupo para tratar de crear unha actividade
de titoría que fomente a lingua estranxeira. No meu caso desenvolvín esta
tarefa xunto con Sara Otero e Miguel Aira. A idea baseábase nunha actividade
polo día do libro e en bacharelato no que trataríamos de fomentar a lectura e a
literatura de escritores ingleses, casteláns e galegos. Por medio de
Shakespeare, Lope de Vega e Rosalía de Castro e dunha das súas obras
tratariamos temas actuais coma o amor e as relacións tóxicas, a unión organizada
do pobo ou a inmigración e así tratar de aumentar o interese tanto pola
literatura coma pola lingua estranxeira de Shakespeare.
No que respecta ás lifeskills, que xa
tivéramos mención ó longo das clases, entramos un pouco mais en detalle nestas
clases nas que vimos cales eran e qué obxectivos tiñan tanto de forma
individual coma no conxunto. Trátanse dunha serie de habilidades que se
consideran necesarias para que un adolescente en proceso de converterse en
adulto poida levar un estilo de vida saudable.
Resumo, non ordeado, das lifeskills que vimos na clase. |
Outro aspecto moi interesante e importante
das clases foi o tema das medidas de atención á diversidade. É practicamente
imposible que non teñamos na aula algún alumno con algún tipo de dificultade
para desenvolver á súa aprendizaxe dunha forma “normal”. Por iso existen unha
serie de medidas á disposición dos centros e dos profesores para tratar de
encher ese bacío entre eses alumnos e os demais da aula e acadar un resultado
similar pese as dificultades. As medidas son moitas e poden dividirse en
medidas de carácter ordinario – se non alteran o currículo practicamente – e extraordinarias
– que implican unha alteración significativa. Para unha mellor comprensión de
cales son de cada tipo levamos a cabo outra actividade cunhas tarxetas nas que
estaban postas as medidas, segundo veñen redactadas no texto oficial, e tivemos
que escoller en grupo cales pertencían a cada tipo. Outra das actividades
relativas ás medidas de atención a diversidade foi unha folla con vinte e seis siglas. Entre a aula e, en maior medida, a
profesora fomos enchendo os nomes reais das siglas. Esta actividade resultou de
moita axuda e utilidade, xa que todos vimos moitas destas antes pero nunca
soubemos exactamente que querían dicir. Deste xeito temos unha folla de
referencia para todas elas. Ademais penso que nos deu unha maior perspectiva
respecto da diversidade de programas e trastornos que nos rodean.
Respecto da metodoloxía CLIL e dos
auxiliares de conversación non vou a entrar en detalle do que vimos en clase,
pero vou a falar dalgunha das actividades que levamos a cabo en relación a
estes temas. Unha das actividades que
levamos a cabo foi a elaboración dunha actividade coa metodoloxía CLIL no que
se tivesen en conta as “cinco Cs” que son: comunidade, contido, comunicación,
cognición e competencias. A actividade
desenvolveuse en grupo, xunto con Sara Otero e Miguel Aira, e decantámonos por
unha clase para 4º da ESO de Bioloxía. O foco da clase sería o papel do Sol na
vida tratando as súas funcións xerais, os procesos biolóxicos, a análise de
feitos constatables e ademais desenvolver varias competencias clave. Tratando estes
temas coa metodoloxía CLIL acadase un aprendizaxe transversal que fomenta o uso
da lingua estranxeira á vez que se adquiren novos coñecementos.
O que podemos sacar de todo o visto nesta
entrada é que o papel do titor é moito mais significativo do que poida parecer,
que é imposible non ter un alumno con algunha necesidade de axuda para o seu
correcto desenvolvemento na aula e que existen metodoloxías que poden ser moi
beneficiarias para o uso da lingua estranxeira. Penso que a aula, en xeral,
aprendeu moito, sobre todo asentando os coñecementos con testemuños da
realidade directa do funcionamento dun instituto normal.
Friday, 15 February 2019
Didáctica - Gonzalo Constenla
Na parte da asignatura de “didáctica da
ensinanza das linguas estranxeiras” que lle correspondeu impartir ó profesor Gonzalo
vimos os temas relativos ós contextos de adquisición e uso da lingua
estranxeira, o repertorio lingüístico e o papel da lingua estranxeira en idades
precoces. Aínda que as sesións tiveron parte teórica dabondo a meirande parte
das aulas desenvolvéronse de forma mais ben práctica, o que resulta moito mais
motivador e atractivo para o alumnado – polo menos para min persoalmente – e axuda
moito a aliviar a carga que supón participar
en clases teóricas. Deste xeito vou a estruturar esta entrada dun xeito similar:
primeiro falarei da parte teórica que mais interesante me pareceu das sesións e
logo falarei das partes prácticas dun modo mais extenso, xa que na miña opinión
resultaron mais interesantes para o colectivo da aula.
No tocante á teoría vou falar sobre unha
das variables na situacións de ensino: a idade. Escollo a idade por dúas razóns.
A primeira razón é que as estruturas cognitivas, intereses, motivacións, etc.
dos individuos vanse moldeando de xeitos moi diversos ó longo da vida e do mesmo
modo que os individuos cambian tamén o fan as formas mediante as cales se pode
levar a cabo un ensino – aprendizaxe mais efectivo. A segunda razón é que paréceme
moi interesante este proceso de cambio dende o noso nacemento ata a nosa fin, aínda
que nesta sección vamos a centrarnos mais nas etapas mais temperás da
existencia humana. Segundo o que vimos na clase podemos diferenciar varias
etapas en función da idade. A primeira idade e a chamada idade ideal que sería a dun recen nacido con menos dun ano de vida.
Neste período temos unhas capacidades tremendas para o aprendizaxe cunha moi
alta percepción que non se vai volver a repetir de novo na nosa vida. A segunda
sería a idade gloriosa que comprende
entre o primeiro ano de vida e os seis anos. Nesta idade temos unha alta
capacidade de imitación, o que nos permite aprender linguas dun xeito bastante
rápido. O problema é que tamén se esquece con bastante facilidade. Logo vería a
idade crítica entre os sete e os nove
anos. Este é o punto no que comezamos a tratar as cousas que nos rodean dun
xeito mais analítico e, polo tanto, dispoñemos de estruturas e capacidades mais
avanzadas para levar a cabo un aprendizaxe de lingua estranxeira. Despois
teríamos o limiar fatídico ós dez e
once anos. Nesta parte da evolución sufrimos un cambio significativo na
estrutura do noso cerebro xa que comeza a perder maleabilidade e plasticidade
polo que non é tan doado aprender e a lingua inicial asentase coma a base pola
que ten que pasar a lingua estranxeira.Por último teríamos xa a idade adulta que comezará ós doce anos. A
partir deste punto necesitamos regras, bloqueos cognitivos, precisase certa
intención ou motivación, etc. É evidente que ó longo deses períodos – ou idades
– os humanos presentamos unha serie moi ampla de cambios. Estes cambios non son
necesariamente a peor nin a mellor, pero si que fan o proceso de ensino –
aprendizaxe diferente que precisa – evidentemente – formas distintas de
aproximación. Esta parte da teoría
resultoume especialmente interesante xa que persoalmente gústame ver o cambio e
a evolución nas persoas co paso do tempo e aínda que neste contexto falemos do
aprendizaxe das linguas estranxeiras este cambio aplicase a multitude de
facetas da nosa vida. Este tema parece ser de bastante interese, xa que non son poucos os artigos nos periódicos que se poden atopar sobre el coma este.
Esquema organizativo das idades de aprendizaxe que vimos na clase. |
No tocante ás actividades desenvolvidas na
aula as que mais me interesaron foron os diagramas de Venn e a placemat activity. A primeira
radica na representación gráfica por
medio de círculos que se superpoñen nalgunha parte da súa extensión. Dentro dun
dos círculos atoparanse elementos relativos a unha cuestión e dentro do outro
os correspondentes a outra. Pola contra na area que comparten estes dous círculos
poranse aqueles elementos que constitúan parte de ámbalas dúas cuestións. A
actividade que levamos a cabo tomaba como temas a tratar a lingua materna e a
lingua estranxeira. Primeiro fixemos grupos por filas na aula, que no meu caso
eramos cinco. Logo puxemos ideas en común respecto a qué forma parte de cada
círculo e qué podería ser un elemento en común entre as dúas cuestións. Logo
fomos expoñendo á toda a aula o que pensabamos que formaba parte de cada
sección para formar un diagrama común. Esta actividade foi bastante interesante
tanto pola parte de formar un grupo amplo e comparar e compartir opinións e
coñecementos como polo formato en sí da actividade, que non foi moi habitual. O
que penso que non foi moi produtivo é que se atopabamos unha característica
exclusiva da lingua materna no cadro da lingua estranxeira correspondía poñer
unha característica oposta a esa, de xeito que parecía que tiñamos que encher
por obriga.
A outra actividade que atopei interesante
foi a placemat activity. Esta levouse
a cabo en grupos de catro polas características da actividade e dos materiais.
No noso grupo tocaron dúas preguntas ás que tiñamos que dar resposta individual
nun único folio tamaño A3 que estaba dividido en cinco espazos, catro ós lados
e un no centro. Nese último espazo poríamos a resposta a esas preguntas que
fora consensuada entre as catro respostas. As preguntas que nos tocaron foron:
Citroen ten 13 fábricas en 7 países diferentes. En que linguas se comunican os
responsábeis das fábricas entre si?; e nunha feria de tecnoloxía dixital
reúnense comerciais de 6 compañías de Francia, Bélxica, Costa de Marfil e
España. En que lingua falarán entre si? Tras darlle resposta individual no
material que nos deu o profesor e chegar a un acordo para a resposta final do
grupo o expuxemos co resto dos compañeiros da aula que tamén compartiron as súas
cuestións e respostas. Pareceume unha maneira moi interesante, distinta e
dinámica de levar a cabo un exercicio de opinión. Ademais ó ter un soporte en papel
e cun deseño axuda a ter unha visión mellor dos conceptos e ideas dos demais.
Levamos a cabo mais actividades e vimos
mais parte de teoría nas aulas pero dende logo o que mais interesante me
pareceu foi que vos conto nesta entrada. O que mais interesante me pareceu foi
a forma de levar a cabo exercicios de forma distinta á habitual como quedou
plasmado con estas dúas actividades.
Monday, 4 February 2019
Comentarios para Cristina
Deixo por aquí os tres comentarios nos blogs dos meus compañeiros relativos ó tema da profesora Cristina.
Friday, 25 January 2019
Didáctica - Cristina Rodríguez
Coa profesora Cristina Rodríguez tivemos tres
clases cun total de dez horas. As súas clases centráronse nas estratexias de comunicación,
tanto oral coma escrita, e como é o tratamento na aula desas estratexias. Ademais, e relacionado con isto, tamén
tratamos procedementos para as catro habilidades ligadas á comunicación directa
– saber falar, escoitar, ler e escribir – e tratamos o tema da mediación. É
importante sinalar que no meu caso particular, e por motivos de traballo, só
puiden asistir a unha soa clase, pero contei coa axuda dos meus compañeiros para
recoller toda a información posible e realizar esta entrada do blog.
Comezarei falando do último do que falei,
a mediación. A mediación está cada vez mais presente nas aulas e está sendo
considerada coma unha quinta destreza. Aínda que está presente dentro do
currículo da EOI e da educación secundaria é posible que en España esteamos
menos avanzados na súa presenza na aula que no resto de Europa. Pero qué é a mediación?
Grosso modo podemos dicir que a
mediación é a actividade da linguaxe que consiste en reformular, xa sexa de
forma oral ou escrita, un texto co obxectivo de facer posible a comprensión doutras
persoas e dun mesmo. E qué metodoloxía é mais axeitada para desenvolver esta
destreza? Pois unha metodoloxía activa e participativa, que leve á practica os
coñecementos e habilidades dos alumnos para consolidar un aprendizaxe
individual e en grupo. Considérase que nada está realmente aprendido ata que se
pon en práctica de forma efectiva na sociedade, isto é parte da mediación. Este
aspecto da posta en práctica dos coñecementos no ámbito social que nos rodea –
noutras palabras na vida real da que formamos parte – é esencial para o
desenvolvemento da mediación. De feito na elaboración do currículo, referido á
mediación, tense en conta que eses contidos e coñecementos poidan ser aplicados
en situacións da vida cotidiana e, aínda mais, que poidan ser de utilidade para
estudantes de especialidades concretas, coma no caso dos estudantes de ciclos
formativos que precisan unha linguaxe mais específica e centrada nun ámbito
mais puntual da súa vida, sobre todo no aspecto laboral.
Dentro da mediación temos tres clasificacións
distintas da mesma: a mediación lingüística ou textual, que se basea na
reformulación, os códigos, pasar a mensaxe do escrito ao oral e viceversa,
etc.; a mediación conceptual, que cobre os procesos polos que adquirimos
coñecementos, as interaccións sociais ou o desenvolvemento pedagóxico; e a
mediación social ou cultural, que se centra na resolución de conflitos. En
canto da primeira, a mediación lingüística, estaríamos a falar, por exemplo, na
transmisión do contido dun texto a outras persoas que non teñen o coñecemento
suficiente desa lingua para o entender. Ademais, dentro da mediación lingüística
temos tres puntos nos que se pode dividir: a mediación verbal, a mediación
visual e a mediación cultural. A mediación verbal subdivídese en
intra-lingüistica e inter-lingüistica, consistiría na transmisión dun texto
inicial a outra persoa que non o entende ou non o comprende por completo. A
mediación visual pode dividirse en visual ou multimodal e consistiría na
transmisión de textos visuais ou multimodais a outro interlocutor ou
interlocutores a través da explicación ou dun único modo. Por último, a
mediación cultural pode dividirse en intracultural e intercultural, e
consistiría na transmisión de información da realidade, costumes, hábitos, etc.
dun a un falante da túa propia lingua – intracultural – ou dunha lingua
distinta – intercultural. Dentro de cada unha destas categorías da mediación
existen unha serie de estratexias que se poden levar a cabo para unha mediación
eficaz das que non vou a falar aquí, xa que ocuparían demasiado. O último do
que me gustaría falar relativo ó tema da mediación é das formas de incorporar a
mediación nas aulas. O principal é facer do alumnado o protagonista das clases,
animando, motivando e permitindo que discuta, reflexione e se exprese nesa
lingua ou que teñan un apoio na súa primeira lingua de cara a aprender unha
nova.
Esquema das estratexias e actividades de mediación que vimos na clase. |
Non queda dúbida de que o papel da
mediación é moi importante na aula de ensino dunha lingua estranxeira. É
indiscutible a súa presenza non só coma mediación se non na maneira na que se
entrelaza coas outras destrezas, tanto orais coma escritas. Queda claro,
ademais, o seu papel de axudar e apoiar o desenvolvemento destas destrezas xa
que fai de ponte entre a adquisición dun coñecemento e como ese coñecemento
pode ser levado á práctica, especialmente na vida diaria do alumno.
En canto ás prácticas, e aínda que como xa
dixen antes que non tiven oportunidade de asistir a dúas das clases, puiden
levar a cabo dúas moi interesantes. Unha actividade radicaba na escolla dun
texto, tanto oral coma escrito, para logo deseñar unha tarefa de mediación lingüística
co texto cunha situación na que é precisa a mediación. No noso grupo decantámonos
por levar a cabo unha actividade moi específica que presupoñía un intercambio
de nenos escoceses nun centro galego e o foco da actividade estaría en torno ós
xogos populares. Malia isto a actividade presentaba unha boa situación na que o
alumnado tiña que estar en contacto directo, tanto físico coma comunicativo,
cos nenos escoceses e faría falta mediación. O que non tivemos en conta, foi
que esa mediación sería mais cara ó inglés que cara o español ou galego. A
actividade presentouse finalmente na aula aos compañeiros, que tamén
presentaron as súas propostas. Todas elas están dispoñibles aquí.
A outra actividade que levamos a cabo na
aula, aínda que se entregou á profesora e non foi presentada ó resto da clase,
foi a de deseñar unha actividade relativa a outro texto cunha serie de
actividades tanto de pre-comprensión, de durante a lectura ou escoita e de
post-comprensión. No noso caso decidímonos por un vídeo sobre o CPR cunha
linguaxe bastante informal. As actividades e os contidos estaban pensados para
un nivel de C1, polo que aínda que podería haber dificultades, deberían ter
preparación e coñecemento suficiente para levar a cabo a actividade sen ningún
problema. A actividade foi avaliada pola profesora a posteriori da clase. A
actividade tamén está dispoñible en Google
Drive.
Coma conclusión, podemos ver que o papel da mediación no ensino dunha lingua
estranxeira é tan amplo coma útil. Ó fin e ó cabo é unha vía de ensino de
lingua estranxeira que pode aportar moitisimas vantaxes se se leva a cabo de
forma correcta. O papel do profesor para isto é moi importante xa que ten a
responsabilidade de animar e motivar ós alumnos a que se expresen, cousa que
pode resultar difícil nas idades de secundaria.
Subscribe to:
Posts (Atom)
Comentarios de didáctica para Ursula
Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.
-
Nesta entrada deixo os meus comentarios nas entradas dos meus compañeiros para os temas de Gonzalo.
-
Nesta segunda entrada dedicada ás clases que tivemos coa profesora Úrsula trataremos os temas das competencias clave e do desenvolvement...
-
Para o segundo tema da materia centrámonos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, coñecido comunmente coma MCER, tratan...