Sunday, 23 December 2018

Diario tema 6


Nesta entrada do diario para o tema 6, “As programacións didácticas vixentes”, gustaríame falar da estrutura e contidos das programacións didácticas pertencentes ó Ensino de Secundaria Obrigatorio e do Bacharelato. Paréceme un tema moi interesante xa que o desenvolvemento das programacións e unidades didácticas e moi importante – por non dicir fundamental – para levar a cabo unha docencia efectiva e correcta conforme da lei. Pero cál é o obxectivo dunha programación didáctica? De qué maneira axuda ou complementa unha programación didáctica ó ensino?

A programación didáctica – segundo sinala a presentación que vimos na aula, dispoñible en Faitic – deberá ser o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado compoñente do departamento. Como se pode observar a programación didáctica é unha maneira efectiva de planificar o desenvolvemento dunha materia en cada nivel do ensino. Ademais establece que debe existir unha coordinación entre o corpo docente que se encarga de cada materia. Deste xeito pódese acadar un aprendizaxe moito mais efectivo para o alumnado non só no seu nivel actual da educación secundaria obrigatoria senón tamén nos vindeiros, xa que está programado como se vai a levar a cabo ese aprendizaxe. Ademais, se por calquera motivo non se puidese cumprir o establecido na programación por razóns das limitacións de un ou mais alumnos da aula, sempre se podería axustar en maior ou menor medida ás necesidades deses rapaces. Tamén é útil a nivel práctico, xa que deixa establecido os contidos, materiais, métodos a empregar, etc. da materia en cada nivel, polo que se por un casual un profesor non pode acudir, calquera outro do departamento sabería qué contido dar e como, polo que resulta unha ferramenta moi versátil para a aula de hoxe en día. O Ministerio de Educación dispón dunha guía para a súa elaboración.

A programación didáctica ten unha estrutura que, aínda que non é fixa no seu orde e algúns son opcionais, si debería conter os seguintes puntos: a introdución e contextualización, na que se pon de manifesto cal é a situación presente do centro e das aulas, atendendo a todo tipo de factores que lles poidan afectar; a contribución ao desenvolvemento das competencias clave, que son fundamentais para o desenvolvemento para a vida do alumno. Este desenvolvemento por medio das competencias clave ten como obxecto que o alumno poida formarse de forma continua ó longo da súa vida, polo que estamos a falar dun aprendizaxe funcional e efectivo do alumno; a concreción dos obxectivos para o curso, sempre que sexan necesarios, na que se marcará o que se pretende conseguir en cada curso; a concreción para cada estándar avaliable, no que se ten en conta a estrutura temporal da materia, os requisitos mínimos que se esixen para a superación da mesma e os procedementos para a súa avaliación; as concrecións metodolóxicas para a materia, ou noutras palabras, os métodos de ensino que se van a aplicar para o desenvolvemento da materia e para acadar unha aprendizaxe correcta e efectiva por parte dos alumnos; os recursos didácticos que se van empregar para o desenvolvemento da materia, que poden ser materiais ou persoais, dependendo de cada unidade e dos seus contidos; os criterios de avaliación, nos que se establece qué e como se van a ter en conta o traballo e os resultados das probas por parte do alumnado para a súa salificación posterior; os indicadores de logro, polos que se avalía o proceso de ensino e a práctica do docente; e finalmente as actividades, que poden ter en conta o seguimento, a recuperación ou a avaliación das materias pendentes; as medidas de atención á diversidade, nas que se concreta de qué maneira se vai a atender ós individuos con dificultades de calquera tipo dentro da aula; etc.

Como se pode ver as programacións didácticas deben comprender moitos supostos, moita información e estipular qué e como se debe ensinar ós alumnos, ademais de como valorar se ese ensino é efectivo tanto pola parte do alumno coma pola parte do docente que imparte ás clases. Cabe destacar que dentro destas seccións da programación didáctica existen uns puntos que admiten pouca edición, xa que veñen estipulados desta maneira polos organismos superiores, coma é o caso dos obxectivos, os contidos ou os criterios de avaliación. Por outro lado temos outros puntos que son, necesariamente, personalizables segundo a situación particular de cada caso, coma son a contextualización ou a atención á diversidade. Pódense consultar as programacións didácticas para a materia de inglés do instituto no que estudei aquí. A Xunta tamén dispón de programacións de exemplo no seu portal.
Exemplo das seccións dunha programación docente dun instituto actual.


Pódese dicir que as programacións didácticas estruturadas son ferramentas útiles para todo o participante no proceso de educación: pola parte do docente se deixa constancia de qué se vai facer, como e cando; pola parte das familias teñen á súa disposición a guía para saber que se lles está ensinando ós seus fillos; pola parte dos alumnos – no caso de que a consulten – poderían comprobar se o que se lles está a ensinar é correcto co establecido. Desta forma todo queda claro e non pode haber lugar a dúbidas ou a arbitrariedades.

No comments:

Post a Comment

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.