Sunday, 6 January 2019
Friday, 4 January 2019
Diario tema 7
Neste tema 7, titulado “Metodoloxía
CLIL/AICLE” falamos deste tipo de metodoloxía, dos seus principios e aplicacións.
Ademais tratamos distintas aplicacións e as razóns para o seu emprego. Pero qué
é a metodoloxía CLIL? A metodoloxía CLIL basease na integración dunha materia a
través dunha lingua estranxeira que non é a habitual para esa materia coma por
exemplo dar a materia de historia en inglés ou a de química en francés. Ademais
fará énfase na resolución de problemas e no saber
facer cousas para aumentar a motivación do alumnado e promover unha
aprendizaxe mais efectiva. Mais información sobre esta metodoloxía neste blog
do Ministerio de educación.
Son moi interesantes os tres principios
metodolóxicos do CLIL. O primeiro é que a lingua se usa para aprender contido
dunha area pero tamén hai que aprender a lingua para comprender e comunicar.
Dito doutra forma, o profesorado ten que ter en conta non só os contidos da
materia que se vai a impartir senón tamén a lingua que se precisa para a súa comprensión
e comunicación xa que de non estar correctamente axustados non se podería levar
a cabo unha aprendizaxe correcta nin da materia nin da lingua. Isto pode ser
algo que moitos pasaríamos por alto pero que ten que terse moi en conta. Non
pode haber aprendizaxe dunha materia se non comprendes con certa claridade o
que che están a dicir, sobre todo noutra lingua que non é a materna e habitual.
O segundo principio metodolóxico é que a materia que se vai a estudar é a que
determina o tipo de lingua que se precisa aprender. É dicir, para cada materia
traballarase o tipo de linguaxe e as formas apropiadas para esa materia.
Carecería de sentido que se tivese que considerar o aprendizaxe de períodos
históricos se estamos na clase de física. Tanto o vocabulario coma as formas e
discursos que se levarán a cabo serán propios da area da materia. O derradeiro
principio e, baixo o meu punto de vista, o mais importante é que a fluidez está
por riba da precisión gramatical ou lingüística. Isto quere dicir que se vai a
valorar mais que o alumnado fale, tanto sexa mellor ou peor, pero que fale con
certa soltura e naturalidade. A corrección gramatical e lingüística virá logo,
co tempo, pero a capacidade de transmitir e comunicar é moi importante á hora
de aprender unha nova lingua. Isto é algo que non se ten moito en conta nas
aulas e que paréceme fundamental para promover o aprendizaxe e a motivación do
alumnado para aprender mais e desenvolverse mellor nunha lingua estranxeira.
Estes principios metodolóxicos correspóndense
coas características da propia metodoloxía. Por exemplo trátase dunha
metodoloxía centrada no alumnado, no que se fan proxectos ou se negocian as
tarefas a realizar. Tamén se trata dun ensino flexible, xa que ten como
prioridade a comprensión do contido empregando distintas estratexias lingüísticas
para acadalo. É unha aprendizxe interactiva, traballando en grupos e parellas,
e fomenta o desenvolvemento da aprendizaxe por descubrimento e investigación do
alumno. Trátase ademais dun aprendizaxe enfocado nos procesos e nas tarefas a
desenvolver, sempre empregando a lingua estranxeira establecida e promovendo a
comunicación nesta lingua. En xeral vemos que é unha metodoloxía enfocada a que
o alumno sexa o protagonista da súa aprendizaxe nunha gran medida, xa que ó
final será el ou ela o que leve o ritmo no que vai transcorrer a materia. O
portal de Wikipedia
en inglés presenta algunha información a maiores.
Tendo todo isto en conta podemos sinalar as
razóns que fan da metodoloxía CLIL unha boa forma de levar a cabo un
ensino-aprendizaxe dunha lingua estranxeira. Entre as razóns mais importantes
temos que a lingua vaise aprender dun xeito mais eficaz aplicándoa a situacións
reais e fomentase a motivación para aprendela. Ademais a lingua está usada cun propósito
práctica, polo que os contidos son os mais axeitados para ese fin. Ademais
resalta o papel da lingua no proceso de aprendizaxe e levan a cabo procesos
mais profundos de aprendizaxe aumentando as capacidades xerais para o mesmo.
Fomentase ademais a tolerancia e o sentido da pluralidade xa que, ó falar e
aprender outra lingua, tómase unha maior perspectiva comparativa intercultural.
![]() |
| Algunhas das razons para o emprego da metodoloxía CLIL. |
Podemos dicir, para rematar, que a
metodoloxía CLIL aporta numerosas vantaxes á hora de levar a cabo unha
aprendizaxe dunha lingua estranxeira co engadido ademais de que se está a
traballar sobre unha materia non relativa a esa lingua. A pesar das
desvantaxes, principalmente en tempo para levar a cabo esta metodoloxía e a
formación específica dos docentes, podería ser unha alternativa mais eficaz
para a aprendizaxe de segundas linguas dun xeito mais efectivo e práctico. Como
engadido temos unha entrevista a David Marsh sobre este tema publicada en El
País.
Dossier tema 7 e 8
Para esta entrada do blog, e dadas as
circunstancias das clases na última semana, decidimos facer unha entrada
conxunta para o tema 7 “Seccións bilingües e plurilingües. Metodoloxía
CLIL/AICLE. Os proxectos lingüísticos de centro (PLC)” e para o tema 8 “As
linguas estranxeiras como fenómeno global. Experiencias educativas
internacionais”. Polo tanto esta entrada tratará o feito na aula abarcando
ámbolos temas. A principal razón pola cal se tomou esta decisión foi pola necesidade
de dedicarlle unha clase enteira, a última, á realización de presentacións por
parte do alumnado de forma individual. Ademais parte destas presentacións
tocaban os temas referidos ó tema 8.
Debido ó dito anteriormente, non levamos a
cabo ningunha actividade referida ó tema 8, aínda que participamos nas presentacións
dos compañeiros que tocaban o tema 8 por medio de preguntas tras escoitar e ver
as súas presentacións. Pola contra si levamos a cabo unha actividade sobre o
tema 7, sobre a metodoloxía CLIL. A metodoloxía CLIL está relacionada ca
educación bilingüe, xa que establece que polo menos a metade dunha materia ten
que esta impartida nunha lingua estranxeira. Trátase dunha metodoloxía moi
interesante xa que, ademais de estar aprendendo sobre un campo ou unha materia,
poñamos por caso a química, ademais estase a aprender en inglés, polo que se
desenvolven dúas destrezas ó mesmo tempo. Aínda que non tódolos centros
dispoñan de medios para levar a cabo esta metodoloxía, non deixa de ser unha
moi boa forma de facilitar o aprendizaxe dunha lingua estranxeira.
Como xa se dixo, na aula levouse a cabo
unha actividade relativa ó tema 7. Dividímonos en cinco grupos distintos de
tres membros e se nos asignou un tema, de entre cinco. No meu caso concreto
tocounos o tema do andamiaxe ou scaffolding en CLIL. Xunto coas miñas
compañeiras buscamos información acerca de qué e cómo se desenvolvía un
aprendizaxe en CLIL por medio do scaffolding para logo facer unha infografía
por medio da plataforma CANVA. Entre a información que vimos necesaria para
unha infografía sobre o tema falamos dos autores relativos ó scaffolding, definimos
que era, vimos como se podería aplicar dunha forma efectiva e con un exemplo e
falamos das vantaxes e desvantaxes que ten o scaffolding na aplicación efectiva
do método CLIL. Tendo en conta toda a información pareceunos unha moi boa forma
de integrar a metodoloxía CLIL na aula xa que, grazas á axuda limitada do
profesor, pódese facilitar que os alumnos por
si sos consigan resultados positivos na súa aprendizaxe. Pola contra, e
esta pareceunos a principal desvantaxe, o requirimento de tempo aumentaría para
levar a cabo de forma eficaz esta metodoloxía en CLIL. A parte sería necesario
facilitarlle ó profesorado unha formación específica para desenvolver esta
metodoloxía de andamiaxe de forma correcta na aula, xa que non é doado adecuar
ata qué punto proporcionar axuda, cómo retirar esa axuda e como facer que o
aprendizaxe transcorra de forma correcta, sen estancamentos. A nosa infografía pódese
consultar no portal de canva, aquí.
![]() |
| Nosa infografía sobre o scaffolding na metodoloxía CLIL. |
Os demais compañeiros fixeron unha
actividade moi similar á nosa coa axuda de diversas ferramentas e sobre
distintos temas. Estes temas foron: O marco europeo para a educación do
profesorado CLIL, falando de como se debe proxectar a educación con CLIL por parte
do profesorado; as sínteses e conclusións sobre o estudo da aprendizaxe
integrada de contidos e linguas no contextos escolar europeo, falando da
situación do aprendizaxe en esta metodoloxía en España, resaltando o predominio
do inglés; as cinco dimensións de Marsh, que nos fala dos cinco aspectos a ter
en conta, segundo Marsh, á hora de levar a cabo un ensino en CLIL; e o deseño
do currículo integrado CLIL, no que trataron como se debería de levar a cabo o
deseño dun currículo segundo a metodoloxía CLIL para unha materia. Todas estas
infografías están dispoñibles en Drive para a súa consulta. Todas foron moi
interesantes, xa que trataban distintos puntos, xunto coa nosa, da metodoloxía
CLIL que moitos de nos non coñecíamos. O feito de que se poidan desenvolver
unha materia paralelamente a unha lingua estranxeira pareceunos un punto moi
importante á hora de valorar se paga a pena levar a cabo ou non un aprendizaxe
na aula segundo a metodoloxía CLIL.
Como punto final, tratando brevemente as
presentacions referidas ó tema 8, foron todas moi interesantes xa que trataban
os sistemas educativos doutros paises coma Corea do Sur ou Finlandia. Sempre é
importante ter perspectiva respecto de como funcionan as cousas noutros sitios
e, no caso da educación, podería ser incluso mais importante, xa que é
necesaria unha constante adaptación do método para un aprendizaxe efectivo por
parte do alumnado.
Thursday, 27 December 2018
Tema 3
No tema 3 tratamos temas relacionados co
proceso de ensino-aprendizaxe das linguas estranxeiras, dende usuarios
involucrados no proceso ata métodos efectivos para o seu correcto aprendizaxe,
as actividades e estruturas relativas ó proceso, así coma o papel do erro no
proceso de aprendizaxe, a avaliación e as certificacións das linguas
estranxeiras polas institucións pertinentes. Gustaríame falar mais a fondo dos
puntos relativos ós usuarios involucrados, as metodoloxías e o papel do erro no
proceso de aprendizaxe das linguas estranxeiras.
Os usuarios involucrados no proceso de
ensino-aprendizaxe poden resumirse a cinco: as autoridades educativas, os individuos
relacionados cos exames e cualificacións, os autores de manuais ou os
responsables do deseño dos cursos, o profesorado e o alumnado. Como se pode
observar os entes mencionados están nun orden de maior cobertura a menor. As
autoridades educativas son as que están no mais alto e son as que especifican
os obxectivos da aprendizaxe que tódolos demais partes terán que cumprir aínda
que non obriga a usar un método específico para o seu cumprimento. No caso de Galicia a Consellería de Educación é o que desenvolve estes currículos, que poden ser consultados aquí. Os seguintes
serían os encargados de realizar as probas e de cualificalas e, para iso teñen
que valorar que actividades e que parámetros son mais relevantes para a súa
avaliación e cualificación. En canto ós autores de manuais e os deseñadores dos
cursos son os encargados da selección e ordenación dos contidos dos manuais, xa
sexan textos, actividades, gramática, etc. ademais de proporcionar as instrucións
necesarias para o correcto desenvolvemento do aprendizaxe por medio do manual.
O seguinte nivel sería o profesorado, que ten que respectar as autoridades
educativas, levar a cabo as probas, facer uso dos materiais e preocuparse de
que o alumnado estea suficientemente preparado para a realización favorable das
probas de avaliación. Ademais ten un papel mais directo co alumnado, xa que é o
responsable da aula e do aprendizaxe do alumno, e ten que buscar ambientes e
métodos que sexan favorables para o proceso de ensino-aprendizaxe. Por último
temos ó alumnado, que será o encargado de desenvolver as súas competencias e
destrezas grazas ó profesorado e a tódolos demais axentes implicados.
Como se pode observar trátase dun proceso
mais complexo do que podería parecer, xa que implica cinco grupos distintos
encargados de funcións distintas co mesmo obxectivo, que é levar a cabo un
proceso de ensino-aprendizaxe funcional e efectivo para o alumnado.
Respecto da metodoloxía fixemos na aula,
tras unha explicación, unha actividade en grupos no que buscamos información
sobre un método de ensino para dar resposta a unha serie de preguntas coma quen
o crea, cando e por qué se crea ou cales son os seus obxectivos principais. No
caso do meu grupo tocou traballar a suxestopedia,
para a cal fixemos unha presentación. Este método, creado polo doutor Georgi
Lozanov en 1978, busca liberar ás persoas das limitacións e das normas sociais,
a través dun entorno calmado, para propiciar un aprendizaxe mais eficaz. Esta
metodoloxía é usada maiormente para o aprendizaxe de linguas estranxeiras. Para
ilustrar mellor ó método que nos tocou tamén presentamos un vídeo da
realización dunha clase mediante a suxestopedia que se pode ver na plataforma
de YouTube. Aínda que a nos nos
tocou a suxestopedia, ós demais membros da aula, tamén por grupos, tocoulles
traballar sobre outros métodos de aprendizaxe de linguas estranxeiras cunha
mesma estrutura e tamén cun vídeo ilustrativo.
Podemos dicir, ademais do relativo á
actividade da aula, que en canto ás metodoloxías sempre hai e haberá algunha
nova que presente mellores resultados no seu momento e no seu contexto, xa que
eses resultados diminuirán co paso do tempo e outra nova metodoloxía mais
efectiva sairá adiante. A pesar disto as metodoloxías sempre deberán cumprir
con certos requisitos coma a aceptación polas autoridades e organizacións, a
correspondencia cos currículos ou que faciliten o proceso de aprendizaxe para o
alumnado e a súa posta en práctica na aula.
Por último quixera resaltar a parte
relativa ó papel do erro no ensino de linguas estranxeiras, xa que me parece un
punto moi interesante do que vimos na aula. Un concepto moi importante que se
ten que comprender é o de interlingua,
que ven sendo unha representación mais simple e distorsionada da competencia
que queremos conseguir nunha lingua estranxeira, xa que esa competencia meta
non tería erros. O punto medio, a lingua que se fala no medio do proceso de
aprendizaxe, será esa interlingua con erros na fala. Estes erros son
importantes xa que, de non se recoñecer ou corrixir, non se levará a cabo un
aprendizaxe satisfactorio da competencia na lingua estranxeira que estamos a
buscar. Este período de interlingua, ademais é practicamente continuo, xa que
os alumnos – e todos nos – estamos nun continuo proceso de aprendizaxe ata que
acadamos un nivel sen erros no uso desa lingua.
![]() |
| Exemplo gráfico de qué lugar ocupa a interlingua no proceso de ensino-aprendizaxe. |
Como xa dixen é importante identificar
estes erros para a súa corrección. Estes pódense dar por dúas razóns: as
interferencias da primeira lingua que é a que usamos xeralmente para
comunicarnos e da pé a recorrer a ela para intentar expresarnos na lingua
estranxeira; o proceso de organización das regras da lingua que estamos a
aprender, que todavía non están asentadas e, polo tanto, requiren dunha
premeditación para o seu uso correcto. E estes erros poden ser tamén de dous
tipos: erros de desenvolvemento, habituais dun aprendizaxe e común incluso para
os falantes nativos; erros fosilizados, que son os que quedan na interlingua e
son moi difíciles de corrixir xa que se perpetúan coma un hábito.
Como podemos ver, neste tema tocamos
moitos temas importantes relativos ó proceso de ensino-aprendizaxe e deben
terse en conta para levar a cabo un proceso eficaz e satisfactorio para tódalas
partes implicadas.
Sunday, 23 December 2018
Diario tema 6
Nesta entrada do diario para o tema 6, “As
programacións didácticas vixentes”, gustaríame falar da estrutura e contidos
das programacións didácticas pertencentes ó Ensino de Secundaria Obrigatorio e
do Bacharelato. Paréceme un tema moi interesante xa que o desenvolvemento das
programacións e unidades didácticas e moi importante – por non dicir
fundamental – para levar a cabo unha docencia efectiva e correcta conforme da
lei. Pero cál é o obxectivo dunha programación didáctica? De qué maneira axuda
ou complementa unha programación didáctica ó ensino?
A programación didáctica – segundo sinala
a presentación que vimos na aula, dispoñible en Faitic – deberá ser o
instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver
o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o
profesorado compoñente do departamento. Como se pode observar a programación
didáctica é unha maneira efectiva de planificar o desenvolvemento dunha materia
en cada nivel do ensino. Ademais establece que debe existir unha coordinación
entre o corpo docente que se encarga de cada materia. Deste xeito pódese acadar
un aprendizaxe moito mais efectivo para o alumnado non só no seu nivel actual
da educación secundaria obrigatoria senón tamén nos vindeiros, xa que está
programado como se vai a levar a cabo ese aprendizaxe. Ademais, se por calquera
motivo non se puidese cumprir o establecido na programación por razóns das
limitacións de un ou mais alumnos da aula, sempre se podería axustar en maior
ou menor medida ás necesidades deses rapaces. Tamén é útil a nivel práctico, xa
que deixa establecido os contidos, materiais, métodos a empregar, etc. da
materia en cada nivel, polo que se por un casual un profesor non pode acudir, calquera
outro do departamento sabería qué contido dar e como, polo que resulta unha
ferramenta moi versátil para a aula de hoxe en día. O Ministerio de Educación
dispón dunha guía para a súa elaboración.
A programación didáctica ten unha
estrutura que, aínda que non é fixa no seu orde e algúns son opcionais, si debería
conter os seguintes puntos: a introdución
e contextualización, na que se pon de manifesto cal é a situación presente
do centro e das aulas, atendendo a todo tipo de factores que lles poidan
afectar; a contribución ao
desenvolvemento das competencias clave, que son fundamentais para o
desenvolvemento para a vida do alumno. Este desenvolvemento por medio das
competencias clave ten como obxecto que o alumno poida formarse de forma
continua ó longo da súa vida, polo que estamos a falar dun aprendizaxe
funcional e efectivo do alumno; a concreción
dos obxectivos para o curso, sempre que sexan necesarios, na que se marcará
o que se pretende conseguir en cada curso; a concreción para cada estándar
avaliable, no que se ten en conta a estrutura temporal da materia, os
requisitos mínimos que se esixen para a superación da mesma e os procedementos
para a súa avaliación; as concrecións
metodolóxicas para a materia, ou noutras palabras, os métodos de ensino que
se van a aplicar para o desenvolvemento da materia e para acadar unha
aprendizaxe correcta e efectiva por parte dos alumnos; os recursos didácticos que se van empregar para o desenvolvemento da
materia, que poden ser materiais ou persoais, dependendo de cada unidade e dos
seus contidos; os criterios de
avaliación, nos que se establece qué e como se van a ter en conta o
traballo e os resultados das probas por parte do alumnado para a súa salificación
posterior; os indicadores de logro,
polos que se avalía o proceso de ensino e a práctica do docente; e finalmente
as actividades, que poden ter en
conta o seguimento, a recuperación ou a avaliación das materias pendentes; as
medidas de atención á diversidade,
nas que se concreta de qué maneira se vai a atender ós individuos con
dificultades de calquera tipo dentro da aula; etc.
Como se pode ver as programacións
didácticas deben comprender moitos supostos, moita información e estipular qué
e como se debe ensinar ós alumnos, ademais de como valorar se ese ensino é
efectivo tanto pola parte do alumno coma pola parte do docente que imparte ás
clases. Cabe destacar que dentro destas seccións da programación didáctica
existen uns puntos que admiten pouca edición, xa que veñen estipulados desta
maneira polos organismos superiores, coma é o caso dos obxectivos, os contidos
ou os criterios de avaliación. Por outro lado temos outros puntos que son,
necesariamente, personalizables segundo a situación particular de cada caso,
coma son a contextualización ou a atención á diversidade. Pódense consultar as
programacións didácticas para a materia de inglés do instituto no que estudei aquí. A Xunta tamén dispón de programacións de exemplo
no seu portal.
![]() |
| Exemplo das seccións dunha programación docente dun instituto actual. |
Pódese dicir que as programacións
didácticas estruturadas son ferramentas útiles para todo o participante no
proceso de educación: pola parte do docente se deixa constancia de qué se vai
facer, como e cando; pola parte das familias teñen á súa disposición a guía
para saber que se lles está ensinando ós seus fillos; pola parte dos alumnos –
no caso de que a consulten – poderían comprobar se o que se lles está a ensinar
é correcto co establecido. Desta forma todo queda claro e non pode haber lugar
a dúbidas ou a arbitrariedades.
Subscribe to:
Posts (Atom)
Comentarios de didáctica para Ursula
Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.
-
Nesta segunda entrada dedicada ás clases que tivemos coa profesora Úrsula trataremos os temas das competencias clave e do desenvolvement...
-
Para esta entrada do blog, e dadas as circunstancias das clases na última semana, decidimos facer unha entrada conxunta para o tema 7 “S...
-
Aínda que tivemos tres sesións coa profesora Úrsula os seus contidos foron posiblemente os mais grandes. Por iso vanse dividir tanto os ...





