Sunday, 23 December 2018

Diario tema 6


Nesta entrada do diario para o tema 6, “As programacións didácticas vixentes”, gustaríame falar da estrutura e contidos das programacións didácticas pertencentes ó Ensino de Secundaria Obrigatorio e do Bacharelato. Paréceme un tema moi interesante xa que o desenvolvemento das programacións e unidades didácticas e moi importante – por non dicir fundamental – para levar a cabo unha docencia efectiva e correcta conforme da lei. Pero cál é o obxectivo dunha programación didáctica? De qué maneira axuda ou complementa unha programación didáctica ó ensino?

A programación didáctica – segundo sinala a presentación que vimos na aula, dispoñible en Faitic – deberá ser o instrumento de planificación curricular específico e necesario para desenvolver o proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado de maneira coordinada entre o profesorado compoñente do departamento. Como se pode observar a programación didáctica é unha maneira efectiva de planificar o desenvolvemento dunha materia en cada nivel do ensino. Ademais establece que debe existir unha coordinación entre o corpo docente que se encarga de cada materia. Deste xeito pódese acadar un aprendizaxe moito mais efectivo para o alumnado non só no seu nivel actual da educación secundaria obrigatoria senón tamén nos vindeiros, xa que está programado como se vai a levar a cabo ese aprendizaxe. Ademais, se por calquera motivo non se puidese cumprir o establecido na programación por razóns das limitacións de un ou mais alumnos da aula, sempre se podería axustar en maior ou menor medida ás necesidades deses rapaces. Tamén é útil a nivel práctico, xa que deixa establecido os contidos, materiais, métodos a empregar, etc. da materia en cada nivel, polo que se por un casual un profesor non pode acudir, calquera outro do departamento sabería qué contido dar e como, polo que resulta unha ferramenta moi versátil para a aula de hoxe en día. O Ministerio de Educación dispón dunha guía para a súa elaboración.

A programación didáctica ten unha estrutura que, aínda que non é fixa no seu orde e algúns son opcionais, si debería conter os seguintes puntos: a introdución e contextualización, na que se pon de manifesto cal é a situación presente do centro e das aulas, atendendo a todo tipo de factores que lles poidan afectar; a contribución ao desenvolvemento das competencias clave, que son fundamentais para o desenvolvemento para a vida do alumno. Este desenvolvemento por medio das competencias clave ten como obxecto que o alumno poida formarse de forma continua ó longo da súa vida, polo que estamos a falar dun aprendizaxe funcional e efectivo do alumno; a concreción dos obxectivos para o curso, sempre que sexan necesarios, na que se marcará o que se pretende conseguir en cada curso; a concreción para cada estándar avaliable, no que se ten en conta a estrutura temporal da materia, os requisitos mínimos que se esixen para a superación da mesma e os procedementos para a súa avaliación; as concrecións metodolóxicas para a materia, ou noutras palabras, os métodos de ensino que se van a aplicar para o desenvolvemento da materia e para acadar unha aprendizaxe correcta e efectiva por parte dos alumnos; os recursos didácticos que se van empregar para o desenvolvemento da materia, que poden ser materiais ou persoais, dependendo de cada unidade e dos seus contidos; os criterios de avaliación, nos que se establece qué e como se van a ter en conta o traballo e os resultados das probas por parte do alumnado para a súa salificación posterior; os indicadores de logro, polos que se avalía o proceso de ensino e a práctica do docente; e finalmente as actividades, que poden ter en conta o seguimento, a recuperación ou a avaliación das materias pendentes; as medidas de atención á diversidade, nas que se concreta de qué maneira se vai a atender ós individuos con dificultades de calquera tipo dentro da aula; etc.

Como se pode ver as programacións didácticas deben comprender moitos supostos, moita información e estipular qué e como se debe ensinar ós alumnos, ademais de como valorar se ese ensino é efectivo tanto pola parte do alumno coma pola parte do docente que imparte ás clases. Cabe destacar que dentro destas seccións da programación didáctica existen uns puntos que admiten pouca edición, xa que veñen estipulados desta maneira polos organismos superiores, coma é o caso dos obxectivos, os contidos ou os criterios de avaliación. Por outro lado temos outros puntos que son, necesariamente, personalizables segundo a situación particular de cada caso, coma son a contextualización ou a atención á diversidade. Pódense consultar as programacións didácticas para a materia de inglés do instituto no que estudei aquí. A Xunta tamén dispón de programacións de exemplo no seu portal.
Exemplo das seccións dunha programación docente dun instituto actual.


Pódese dicir que as programacións didácticas estruturadas son ferramentas útiles para todo o participante no proceso de educación: pola parte do docente se deixa constancia de qué se vai facer, como e cando; pola parte das familias teñen á súa disposición a guía para saber que se lles está ensinando ós seus fillos; pola parte dos alumnos – no caso de que a consulten – poderían comprobar se o que se lles está a ensinar é correcto co establecido. Desta forma todo queda claro e non pode haber lugar a dúbidas ou a arbitrariedades.

Dossier tema 6


No tema 6, titulado “As programacións didácticas vixentes” centrámonos mais polo miúdo na observación de unidades e programacións didácticas que se están a levar a cabo en centros do noso entorno. Para isto comezamos cunha pequena introdución na que debatemos en grupo cales serían as partes mais importantes dunha programación didáctica co obxectivo de chegar a un acordo. A pesar de que a nosa visión xeral  centraba a importancia das seccións dunha programación didáctica en torno ós criterios de avaliación, o desenvolvemento das competencias clave ou os estándares de aprendizaxe, o profesor Gonzalo Constenla fíxonos recordar que unha parte moi importante das mesmas son as partes nas que o docente pode variar e traballar como el pense que é mais axeitado. Sempre, por suposto, co cumprimento e sen levala contra á lexislación vixente. Entre estas seccións atoparíamos a metodoloxía ou a contextualización.

Coma primeira actividade na aula o que se nos propuxo foi facer grupos e buscar unha programación didáctica da materia de inglés dun departamento dun instituto de Galicia. Despois disto tiñamos que analizar brevemente dita programación prestando atención ós seus apartados, ás fontes de información, ós aspectos que chamasen a nosa atención e ademais a aportar unha pequena descrición, dunhas cen palabras aproximadamente, dos contidos de cada un dos seus apartados. No meu caso particular formamos un grupo de tres persoas e eliximos a programación do departamento de inglés do Instituto de Educación Secundaria Félix Muriel, de Rianxo. O produto da nosa observación e análise debería quedar plasmado nunca breve presentación a través da plataforma PowToon que permite a realización de presentacións alternativas ás mais coñecidas como poden ser as de Power Point ou Prezi. Mais adiante tería que ser subida a plataforma de YouTube que lle engadiría animacións e música. Aínda que a nosa presentación en concreto, dispoñible aquí, quedou un pouco corta porque no grupo non comprendemos correctamente a tarefa, pareceunos unha forma mais interactiva de preparar e presentación a información. Ademais co feito de subilo contido a YouTube a información queda a disposición de todo o que queira consultala ata que o usuario decida quitalo vídeo da rede.

Tras a presentación e visionado de tódolos traballos que fixemos nos grupos de clase pertencentes á actividade anterior pasamos á seguinte parte con outra actividade. Nesta actividade afondamos no tema das rúbricas para a avaliación. Neste caso en concreto utilizamos de referencia unha rúbrica que xa estaba dispoñible dentro do curso – creada para a avaliación das presentacións finais da materia. Nesta rúbrica en concreto avaliábanse os puntos relativos ó contido, a estrutura, o deseño, a fundamentación, a valoración persoal e crítica e por último a expresión oral e a eficacia expositiva. Polo xeral as presentacións tiveron notas moi similares en total, sendo a nosa propia a que peor nota tiña, desafortunadamente. Con esta actividade practicamos o uso das rúbricas para levar a cabo unha avaliación dun xeito mais obxectiva, xa que os criterios que se perciben teñen que concordar en maior ou menor medida con un cadro establecido na rúbrica. Este cadro marca que nota lle corresponde por ese criterio e, deste xeito, o criterio subxectivo xoga un papel moito menor na cualificación das actividades.
 
Grade de avaliación empregada para desenvolver a actividade 2.

A seguinte actividade que desenvolvemos en clase tamén era relativa ás programacións didácticas só que neste caso tratamos as programacións da Escola Oficial de Idiomas. Para esta actividade dividímonos en grupos mais numerosos, de catro ou cinco persoas. Despois buscamos unha programación didáctica da materia de inglés dunha Escola Oficial de Idiomas. Tras buscar sen éxito en Vigo e Ferrol acabamos recurrindo á programación didáctica da Escola Oficial de Idiomas de Monforte. A partir de alí tiñamos que facer unha valoración da mesma e elaborar unha presentación que, ademais, tiña que estar gravada coa aplicación Screencast-o-matic que nos permitía tanto gravarnos a nos mesmos coma a pantalla do ordenador. No noso caso nos decantamos polo último: elaboramos un análises tras unha observación da programación, no que iamos relatando o que pensabamos da mesma e mostrando na pantalla a qué nos estabamos a referir. Outros compañeiros optaron por gravarse a si mesmos falando para a cámara, pero nos pensamos que sería mais sinxelo para a comprensión mostrar o texto do que estabamos a falar. O vídeo resultante da actividade foi logo subido á plataforma de Youtube, no que se pode ver.

Coma conclusión podo dicir que observamos as programacións didácticas dende puntos distintos e pertencentes a organismos diferentes. Puidemos observar cousas en común e cousas que non se tiñan organizado de maneira similar, pero conseguimos ter mais referencias á hora de analizar se unha programación está mellor ou peor. O feito de facer presentacións con outros métodos e en vídeo foi bastante distinto ó habitual, pero non por iso menos interesante.

Thursday, 20 December 2018

Tema 4


O cuarto tema da materia, correspondente ás clases da profesora Carla Bouzada, trata sobre os niveis de referencia de aprendizaxe de linguas e o desenvolvemento de competencias. Na súa maioría o tema baseouse en profundar nunha maior medida no ámbito das competencias,en especial nas competencias establecidas no Marco Común Europeo de Referencia e as do sistema educativo español. As competencias, dito sexa de paso, son o conxunto dos coñecementos, destrezas e características individuais que permiten a unha persoa levar a cabo accións. 

Respecto do Marco Común Europeo de Referencia quédanos claro que ten un enfoque moito mais centrado na acción. Por exemplo espérase que os alumnos leven a cabo un aprendizaxe para poder facer unha actividade que lles aporte novo coñecemento. Con ese coñecemento pasarían a repetir a operación cara novos coñecementos e actividades.  Deste xeito o alumnado ten un continuo desenvolvemento das súas competencias e aprendizaxe de novos coñecementos. E dentro destas competencias separabámolas en dúas vertentes. Por un lado temos as competencias xerais, que non se relacionan directamente coa linguaxe pero ás que se pode recorrer para todo tipo de accións; e por outro lado as competencias comunicativas que, coma o seu nome indica, fan posible que unha persoa se poida desenvolver especificamente por medios lingüísticos.

Por suposto dentro das competencias xerais vimos que son moitas, moi variadas e abarcan moitos aspectos referidos ós catro pilares de saber, saber facer, saber ser e saber aprender. Dentro destas, ademais, temos moitos enfoques e divisións distintas, dende o coñecemento do mundo ou o coñecemento sociocultural ata as actitudes e valores ou a destreza de estudo.

Houbo un aspecto en particular no que nos detivemos mais que nos outros: a consciencia intercultural. Pero qué é a consciencia intercultural? Grosso modo trataríase do coñecemento, a percepción e a comprensión da relación entre o “mundo de orixe” e o “mundo da comunidade obxecto de estudio”. Noutras palabras, o entendemento dos elementos da propia cultura e da cultura que se estuda para ver que cousas teñen en común, cales son diferentes e, en base a iso, enriquecerse culturalmente do intercambio tanto social coma persoal. Parte desta consciencia intercultural cae nos estereotipos. Aínda que en moitas ocasións os estereotipos identifican a un tipo de perfil de persoa dun país ou comunidade, case nunca identifican á totalidade da mesma, xa que sempre hai que ter atención á diversidade das mesmas. É alí onde recae a responsabilidade do docente, en facilitar representacións de todo tipo da cultura que estamos a amosar para facer ver ós alumnos a diversidade cultural que ten a cultura obxecto de estudio.

En torno a esta cuestión detivémonos para visualizar unha charla TED por Chimamanda Ngozi Adichie, autora nixeriana, titulada The danger of a single story. Na charla Adichie fai un percorrido por recordos da súa infancia, adolescencia e temperá idade adulta en torno á súa percepción dos demais, das culturas que a rodeaban ou das culturas ás que estaba exposta por medio da televisión, o cine ou os libros. A partir disto desenvolve un discurso no que quere deixar claro dúas cousas. A primeira é que todos estamos expostos e estamos suxeitos a caer na concepción de estereotipos sen sequera sabelo. A segunda é que quixo deixar claro que isto é perigoso pois, se só temos unha idea – seguramente distorsionada ou xeralizada – dunha cultura ou comunidade non poderemos comprender ben esa cultura, a esas persoas que forman parte da comunidade e, por conseguinte, fracasaremos na valoración desa cultura.

Persoalmente, paréceme moi interesante todo o que di e como o di. Podería ser un recurso de moita axuda sempre que tratemos de impartir inglés coma lingua estranxeira ou case calquera outra materia que teña un carácter cultural ou social. Ademais trátase dunha autora de Nixeria, país – e continente – moi descoñecido para a meirande parte da poboación, especialmente os mais mozos, xa que terán una visión estereotipada do país. Coa axuda de charlas coma a de Adichie, poderíase chegar a romper este tipo de visións negativas e, ademais, abrir os ollos de cara á nosa propia cultura. Outro vídeo que vimos trataba os acentos do inglés, tamén moi recomendable coma material didáctico.

Cando xa acabamos de ver tódalas competencias pasamos a desenvolver unha tarefa relacionada co tema anterior. Se no tema anterior desenvolveramos un pequeno curso para unha persoa que se dedicaba ó sector da restauración co fin de amplialo seu coñecemento en inglés dentro dese campo, nesta ocasión tivemos que ampliar o curso tendo en conta as competencias.
Exemplo da escala que mide o dominio do vocabulario


Partindo do documento que fixemos, dispoñible en Drive, e nun color distinto ó negro inicial, fomos describindo de que maneira ían a desenvolverse algunhas das competencias segundo as actividades que se levarían a cabo no curso. No noso caso particular potenciariamos o coñecemento declarativo e sociocultural por medio dunha actividade en forma de dialogo. Neste tamén se desenvolverán as habilidades e destrezas prácticas especialmente na parte fonética. Outra parte importante deste desenvolvemento das competencias nas actividades que propuxemos é a da competencia léxica, a competencia semántica e a competencia gramatical xa que na elaboración de diálogos de práctica é fundamental dispor de léxico e capacidade para enlazalo en frases correctamente estruturadas para a súa correcta comprensión. No documento completo pódese ver todo o resultado.

Por último creo que é necesario resaltar que o ensino por competencias e os ámbitos que estas abranguen son unha forma positiva de dividilo coñecemento, especialmente no ensino dunha lingua estranxeira, xa que permite observar areas moi amplas en esferas mais pequenas todas elas entrelazadas dun xeito ou outro.

Thursday, 13 December 2018

Tema 2


Para o segundo tema da materia centrámonos no Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas, coñecido comunmente coma MCER, tratando tanto qué é coma que funcións ten e que papel desenvolve no ámbito do aprendizaxe e ensino de linguas estranxeiras. Antes do comezo do tema a tratar fixéronse unhas pequenas preguntas previas para asentar base sobre o noso coñecemento previo sobre o MCER, así coma tamén unha pequena autoavaliación das capacidades de cada un segundo os estándares do Marco Común Europeo de Referencia. A través de sinxelas preguntas, cuxa resposta era positiva ou negativa, pode calquera persoa establecer grosso modo o seu nivel dunha lingua determinada. Aínda que esta ferramenta pode ser útil coma guía para os usuarios que non estean de todo seguros de que nivel teñen, podemos dicir que non é mais ca unha aproximación, xa que son preguntas demasiado xerais e que permiten moi pouco nivel de concreción na resposta coma para ter unha precisión no nivel de cada usuario. Pódese realizar o test aquí.


Ligado o que acabo de dicir, podemos establecer que o MCER é o que o seu título indica, un marco de referencia. A súa elaboración ten como fin o de servir de guía para a elaboración de currículos de forma xeral, o deseño  dos materiais para o ensino-aprendizaxe ou a avaliación das destrezas cunha lingua estranxeira, aínda que, coma xa dixeramos, trátase dunha avaliación moi xeral, con pouca precisión. Malia iso, o obxectivo do MCER é o de traspasar as barreiras dos sistemas educativos de cada sistema de ensino de cada país membro da Unión Europea. Coma é natural cada estado terá os seus estándares e currículos propios. A pesar disto, o inglés coma lingua estranxeira – por exemplo – é a mesma lingua para todos os estados membros polo que a súa avaliación en canto ás destrezas ca mesma deberían ser comúns para todos os cidadáns da Unión Europea. Esta iniciativa podería ser mais útil para os usuarios se fose moito mais concreta, se cadra con outro tipo de test mais detallado, e non tan xeral, no que se poida avaliar con maior fundamento se o coñecemento de cada usuario cunha lingua estranxeira se corresponde con cada nivel que establece o MCER. Por outro lado hai que considerar as dificultades que unha lingua contempla para a súa correcta avaliación.


No fondo da creación do MCER destaca tamén unha cuestión de unión de Europa e dos europeos. Pretende, ata certo punto, preparar á cidadanía europea para a mobilidade internacional tanto no ámbito académico coma no laboral. Para isto o dominio das linguas do entorno europeo é fundamental. E xa non só por cuestións académicas e laborais. Nunha Europa na que cada día conviven mais etnias e culturas mesturadas é preciso reavaliar como adquirimos e aprendemos as linguas e como as empregamos. Quizá sería momento de que a Unión Europea fixase unha lingua estándar e común para toda a unión; o problema sería acordar cal sería a axeitada.


Tradicionalmente podemos dicir que os niveis establecidos polo MCER para as linguas foron A1, A2, B1, B2, C1, C2, sendo o nivel A o mais baixo e o C o mais elevado. Isto adaptase segundo o caso co novo plan do 2018 que atende ás dificultades ou necesidades de cada lingua. O aprendizaxe non sempre será lineal e aínda que se estableza que para conseguir un nivel de C2 dunha lingua se vai tardar oito anos poderían ser na realidade mais ou se cadra menos.


Diagrama do novo plan proposto a partir do 2018.



O proceso de ensino das linguas pode sufrir ramificacións e intercalar niveles intermedios de ser preciso, polo que podemos observar bastante flexibilidade no proceso de ensino e aprendizaxe de linguas. Estas adaptacións poden deberse á dificultade de certa area da lingua, a necesidades especiais ou ó desenvolvemento dunha destreza lingüística para unha necesidade profesional específica.


Enlazado con isto último e para asentar os coñecementos tamén levamos a cabo unha actividade relativa ó marco MCER e ó deseño dun curso. Partindo do perfil dunha persoa que, no noso caso, era un estudante de Formación Profesional de Restauración, deseñamos un curso para a mellora da destreza na lingua estranxeira ligada ó ámbito da Restauración e seguindo os criterios do Marco Común Europeo de Referencia. Por suposto sería imposible desenvolver na aula o deseño dun curso completo, polo que fixemos o que serían dúas tarefas: a primeira enfocada ós alérxenos posibles que se puidesen atopar no ámbito dun restaurante, xa que consideramos fundamental o coñecemento e a correcta comunicación e comprensión dos mesmos para evitar danos da saúde dos clientes; a segunda cubre o que sería a interacción mais formal co cliente, con peticións, preguntas, suxerencias, etc. axudándonos de diálogos e representacións. Con actividade coma estas podería mellorarse o uso da lingua nun ámbito específico e segundo os estándares do MCER, xa que o individuo tería un nivel inicial B1 e os contidos poderían formar parte do camiño cara o nivel de B2 – polo menos na area específica ó que pertencen. A actividade completa está disponible aquí.


Podemos dicir, para rematar, que o Marco Común Europeo de Referencia cumpre unhas funcións nacidas da necesidade de unir – ata certo punto – á cidadanía europea. Pese a que podería ser de maior axuda ou dun carácter superior sobre os estados, podemos dicir que é un primeiro paso cara a un posible proxecto maior no futuro da Unión Europea.

Comentarios de didáctica para Ursula

Deixo por aquí os comentarios nas entradas dos meus compañeiros sobre os temas de Úrsula.